Actualizada a plataforma Xunta ProRSE para reportar baixo os novos estándares  GRI

Actualizada a plataforma Xunta ProRSE para reportar baixo os novos estándares GRI

Imprimir Email
(0 votos)

As empresas usuarias da plataforma en liña Xunta ProRSE, de acceso universal e  gratuíto, xa poden preparar as súas memorias de sostibilidade conforme á última versión dos estándares GRI, unha vez rematado o proceso de actualización e mellora técnica da ferramenta. O novo modelo de reporte GRI lanzado en xaneiro pola Global Reporting Initiative incorpora novidades como a ampliación de temas relacionados cos dereitos humanos e as cuestións de debida dilixencia, entre outros aspectos.

Deste modo complétanse os traballos desenvoltos nas últimas semanas para facilitar que as organizacións poidan dar conta do seu desempeño social, medioambiental e de bo goberno a través das versións vixentes para as diversas modalidades de reportes. 

A Xunta ProRSE permite avaliar as iniciativas e os indicadores das actuacións en materia de RSE e sostibilidade mediante a preparación guiada do Informe de Estado de Información Non Financeira (EINF), así como o Informe de contribución aos ODS, o Informe GRI e o Informe Xunta de Galicia. 

Como apoio ao proceso de elaboración destes documentos, actualizáronse os videotutoriais da ferramenta, que están dispoñibles nesta ligazón, ao igual que o acceso á propia plataforma.

Deseñada e desenvolvida por Sicasoft Solutions, Xunta ProRSE permite ás empresas  identificar en todo momento os seus puntos fortes e débiles e as áreas de mellora, así como o  estado e o nivel de cumprimento das súas actuacións, de acordo aos seus obxectivos responsables.