A conciliación e o compromiso coa contorna local, entre os retos das empresas na súa transición cara á sostibilidade

A conciliación e o compromiso coa contorna local, entre os retos das empresas na súa transición cara á sostibilidade

Imprimir Email
(0 votos)

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, participaron na xornada de presentación ante a Confederación de Empresarios de Lugo do programa autonómico Responsabilízate, que promove a implantación de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o tecido produtivo galego como clave para mellorar a súa competitividade.

“É fundamental neste marco que as empresas melloren as súas medidas de conciliación e apliquen criterios organizativos que permitan un axuste de horarios competitivo e á vez responsable”, especificou a directora xeral, ao tempo que engadiu que con estas medidas, redúcense os riscos psicosociais e o absentismo e se mellora o clima laboral.

Mancha defendeu tamén o exercicio da responsabilidade social coa contorna próxima e avogou polo compromiso das empresas coa sociedade e a transparencia na gobernanza.

No acto expuxeron as súas boas prácticas empresas como Pescados Rubén, do sector da pesca, e Garmir, que centra a súa actividade na limpeza industrial.

En Responsabilízate toman parte na actualidade un total de 150 firmas de toda Galicia. “Atopámonos nun momento clave na transformación cara a modelos económicos sustentables no que cobra especial relevancia tanto a implementación de plans de acción como a comunicación dos obxectivos e compromisos asumidos para situarse nun mercado cada vez máis demandante e competitivo”, dixo a directora xeral. As firmas que completen todo o programa recibirán o Selo de Empresa Responsabilízate, un recoñecemento autonómico polo seu bo labor.

Responsabilízate axuda a asesorar de xeito persoalizado ás pequenas e medianas empresas galegas , para que activen medidas en favor do desenvolvemento sustentable, fomentando modelos de negocio que integren as variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno para continuar construíndo xuntos unha Galicia máis competitiva.