Con máis de 135 empresas rexistradas na edición en curso, o Programa Responsabilízate de asesoramento gratuíto ás pemes para a implantación de iniciativas en RSE está a ser un éxito. Así o demostra a positiva recepción da comunidade en liña exclusiva para participantes nesta iniciativa.
Xestionada a través da plataforma Microsoft Teams, a Comunidade en Liña Responsabilízate creouse como unha ferramenta máis entre o gran abanico de recursos que o Programa Responsabilízate pon á disposición das empresas rexistradas. O obxectivo desta nova iniciativa é proporcionar un espazo para xerar redes de alianza entre as empresas participantes no programa, ademais de servir como espazo colaborativo onde compartir materiais formativos, noticias de interese e recursos útiles para a implantación dos valores ASG na empresa.
A través da canle do equipo de Microsoft Teams “Axúdanos a coñecerte”, varias das entidades participantes presentaron os seus modelos de negocio, co foco nas iniciativas en Responsabilidade Social Empresarial que xa puxeron en marcha. Un exemplo é a presentación do GRUPO GESTÁN, un grupo empresarial galego que opera no sector ambiental dende o 2002 e que nos últimos anos ampliou e diversificou as súas liñas de negocio como Empresa de Servizos Ambientais (E.S.A.) ás áreas de residuos, augas e bioenerxía.
A representante do departamento de sostibilidade do Grupo compartiu coa Comunidade a súa Memoria de actividade do 2021, onde se poñen de relevo as iniciativas de GESTÁN en implantación dos valores ASG: reciclaxe, biocombustibles, conciliación da vida persoal e laboral, actividades de colaboración coa contorna, melloras da Prevención de Riscos Laborais, entre outras. O compromiso da dirección e persoal na mellora continua das condicións ergonómicas e de seguridade laboral no traballo viuse recoñecido coa concesión do premio MC Mutual «Antonio Baró» polo carácter innovador das medidas implantadas en materia de prevención.
Outra empresa que aproveitou o altofalante da Comunidade en Liña para darse a coñecer foi Tee Travel, unha axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago que, ademais, crea itinerarios e experiencias baseadas no sendeirismo, cicloturismo, turismo cultural e enoturismo. Tee Travel conta co selo de RSE «Camiño Clean» que valora as actividades de transmisión e concienciación da importancia da conservación do patrimonio material e inmaterial do Camiño de Santiago. Actualmente, Tee Travel atópase nun proceso de procura de colaboradores para continuar o seu labor de protección do patrimonio e iniciar proxectos relacionados coa responsabilidade nas viaxes e a comunicación sostible.
Responsabilízate é un programa de asesoramento gratuíto para apoiar ás pemes na súa necesaria adaptación ás obrigas da regulación ASG, á Transición Sostible e ao desenvolvemento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Vai dirixido ao tecido empresarial galego a través das súas pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou teñan un balance anual inferior a 43 millóns de euros.
Con esta iniciativa perséguese que as empresas sexan máis competitivas, facilitando a súa adaptación aos requirimentos dos grandes clientes, do mercado de consumo e das novas esixencias sociais e administrativas.
Para máis información e inscrición no programa: https://rse.xunta.gal/index.php/es/recursos/programas/responsabilizate