A Xunta anima ao tecido produtivo coruñés a avogar pola RSE e a crear contornas laborais igualitarias e sostibles

A Xunta anima ao tecido produtivo coruñés a avogar pola RSE e a crear contornas laborais igualitarias e sostibles

Imprimir Email
(0 votos)

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, convidou ás pemes e micropemes coruñesas a dar “o salto” á Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e a respectar os criterios ASG (ambientais, sociais e de goberno corporativo) como valores que melloran a competitividade.

Mancha presentou na Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) o programa da Xunta Responsabilízate, no que están a participar máis dun cento de empresas co propósito de promover o benestar laboral e facer un tecido produtivo máis competitivo. Anunciou ademais que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a culminar a nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas que destaquen, de forma notable, pola súa contorna laboral igualitaria e sostible.

A provincia da Coruña, líder en pemes responsables

Das 135 pequenas e medianas empresas que forman parte do programa Responsabilízate, 61 están na provincia coruñesa. Foron algúns dos datos presentados durante a xornada, na que expuxeron os seus casos de éxito as empresas  Eleko, Nasas e Coca-Cola.

Interviñeron no acto Severino Ares, vicepresidente primeiro da Confederación de Empresarios da Coruña; Carlos Gómez, subdirector xeral de Relacións Laborais;  Daniel Domínguez, xerente en Valora e responsable do programa, así como representantes de grandes empresas e pemes participantes no programa. A xornada foi clausurada por Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais, quen destacou a importancia desta xornada “para que as empresas que se queiran sumar aprendan do exemplo doutras que xa forman parte de Responsabilízate”.

Desde a CEC, Severino Ares destacou que “avanzar en materia de Responsabilidade Social Empresarial non é só unha cuestión de ética para as empresas. É, sobre todo, unha panca para mellorar a súa competitividade. E non só é unha cuestión que afecta ás grandes compañías, senón que é un reto que han de abordar tamén as pemes”.

Pola súa banda, Carlos Gómez lembrou que o programa diríxese ás pemes e autónomos que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio actual ou teñan un balance anual inferior a 43 millóns de euros. Os servizos incluídos contan cun diagnóstico da situación actual da empresa no marco ASG, actividades formativas e de asesoramento personalizado por parte de expertos, así como o desenvolvemento dunha folla de ruta para a súa implementación.

O medio ambiente e o cambio climático, primeiras preocupacións

Pola súa banda, Daniel Domínguez explicou os temas que preocupan ás compañías hoxe en día, co medio ambiente e o cambio climático entre os riscos máis destacados, “polo que é preciso orientar as accións cara á sostibilidade e a crear valor na sociedade”.

Ademais, fixo fincapé na RSC como panca para “crear valor de marca” nas empresas, “orientadas á gobernanza e á relación coa contorna, sendo necesario abordalo desde unha perspectiva transversal que implique a toda a cadea de valor da peme”. Por tanto, Responsabilízate é fundamental para xerar valor no modelo de negocio e contar cun distintivo importante para a imaxe interna e externa da compañía.

Na xornada expuxéronse exemplos de boas prácticas e experiencias de empresas participantes no programa. A primeira foi a cargo de Begoña Llamosas, responsable de cumprimento normativo e RSE de Eleko. Considerou que “a clave é dar pasos firmes en materia de RSC, contando sempre co compromiso da dirección”, destacando como iniciativas propias o Plan de Igualdade, a súa adhesión aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible do Pacto Mundial e a posta en marcha dunha Memoria de Sostibilidade.

Pola súa banda, Fátima Carmena, directora da axencia de publicidade Nasas, incidiu no compromiso social que levan a cabo mediante a creación de “contidos sostibles e éticos cos nosos clientes”, o servizo de auditorías 2.0 para mellorar a situación das pemes nunha contorna dixital, e o seu traballo en rede con numerosas asociacións e clústers, como o da Comunicación ou Executivas de Galicia.

O caso de éxito dunha gran empresa correu a cargo de María Sande, xefa de Comunicación Noroeste Iberia de Coca-Cola Europacific Partners, quen destacou o esforzo en sustentabilidade que desenvolve a compañía, que se fixa como primeiro obxectivo a neutralidade en carbono en 2040, así como a innovación en materia de residuos e a orientación social.