A Directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou o pasado día 24 de novembro en Ourense na apertura da primeira xornada de Encontros Responsabilízate: “Estamos preparados para o novo escenario? Retos ASG de grandes e pequenas empresas”.
No encontro, Mancha destacou que a aplicación da Responsabilidade Social Empresarial nas compañías supón reforzar a súa competitividade nun contexto de transformación no que prácticas como a xestión responsable das persoas, o desenvolvemento de condutas éticas nas cadeas de subministración ou a adaptación a unha economía baixa en carbono son claves para o posicionamiento empresarial.
A directora xeral puxo en valor o programa Responsabilízate, no que están a participar na actualidade máis dun cento de empresas en toda Galicia co propósito de promover o benestar laboral e facer un tecido produtivo máis competitivo.
O programa inclúe diferentes fases: unha primeira de diagnose na que se fai unha análise exhaustiva do nivel de RSE que ten a empresa; unha segunda de formación en liña na que se adquire unha visión global da RSE e da súa aplicación en distintos ámbitos de negocio; unha terceira de asesoramento personalizado na que a compañía detecta os retos, riscos e oportunidades en materia de sustentabilidade; e, por último, o programa finaliza co establecemento dun Plan de acción en RSE, onde se especifican accións concretas adaptadas ao negocio.
As firmas que completen todo o programa recibirán o Selo de Empresa Responsabilízate, un recoñecemento autonómico polo seu bo labor.
O prazo para participar en Responsabilízate continúa aberto, as inscricións pódense facer a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, nesta ligazón.