Asociacionismo feminino para a igualdade de oportunidades

Asociacionismo feminino para a igualdade de oportunidades

Imprimir Email
(0 votos)

Un total de 65 asociacións e 28 federacións e confederacións de mulleres tiveron acceso en 2021 ás axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para fomentar o asociacionismo feminino. Os apoios autonómicos permitiron a realización de 200 actuacións en 109 concellos nos que participaron 16.300 mulleres e 2.900 homes.

Durante a celebración do trinta aniversario da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacou o compromiso da Xunta coas mulleres do rural galego e avanzou que seguirá fortalecendo os apoios ás organizacións de mulleres, ao tempo que fomentará novas formas de asociacionismo para as mulleres do agro e do mar. “No Goberno galego estamos comprometidos co impulso do acceso das mulleres ás esferas de decisión e co fomento do seu liderado”, engadiu.

Neste sentido, López Abella lembrou o pulo adquirido polo asociacionismo feminino do rural nas últimas décadas, aínda que indicou que é preciso seguir incidindo na participación das mulleres en órganos directivos e nos espazos de decisión das organizacións agrarias e pesqueiras.

Outra das prioridades da Xunta no medio rural, subliñou, é seguir reforzando os mecanismos de prevención e protección fronte á violencia de xénero, para o que sinalou a importancia de desenvolver accións de información e concienciación social adaptando as diferentes actuacións ás características específicas das pequenas poboacións.

Outras axudas

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta ademais con apoios a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade aos que se destinaron en 2021 un total de 1,4 millóns de euros e foron beneficiarias 77 organizacións.

No relativo á promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, a Xunta convoca anualmente axudas dirixidas ás asociación de nais e país do alumnado de centros educativos. So no pasado exercicio, esta orde contou cun orzamento de 400.000 euros, un investimento que chegou a 820 entidades e permitiu o desenvolvemento de 506 accións de formación ou difusión coas familias e 986 co alumnado.