Nacións Unidas declara o acceso a un medio ambiente sostible un dereito humano universal

Nacións Unidas declara o acceso a un medio ambiente sostible un dereito humano universal

Imprimir Email
(0 votos)

A ONU confía en que esta decisión leve a estados, organizacións internacionais e empresas a intensificar os seus esforzos en materia ambiental.

A Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas vén de recoñecer, a través dunha resolución con 161 votos a favor e 8 abstencións, que o acceso a un medio ambiente limpo, san e sostible é un dereito humano universal e que, por tanto, “os estados, as organizacións internacionais e as empresas deben intensificar os seus esforzos para garantilo”. Neste sentido, a ONU espera que, aínda que non se trata dunha decisión vinculante xuridicamente, “sexa un catalizador para a acción e anime á cidadanía para esixir responsabilidades aos seus gobernos”.

“A resolución axudará a reducir as inxustizas ambientais, a pechar as brechas de protección e a empoderar ás persoas, especialmente ás que se atopan en situacións vulnerables, como os defensores dos dereitos humanos ambientais, os nenos, os mozos, as mulleres e os pobos indíxenas”, subliñou o secretario xeral da ONU, António Guterres, tras a votación. Unha decisión, engadiu a través dun comunicado, que “tamén axudará aos estados para acelerar o cumprimento das súas obrigas e compromisos en materia de medio ambiente e dereitos humanos.

O papel das empresas

Segundo o Pacto Mundial de Nacións Unidas, o tecido empresarial debe respectar este dereito “principalmente en áreas industriais onde as comunidades locais poden verse afectadas pola polución ou a mala xestión de residuos”. A través da xestión sostible da auga e da redución de emisións, as empresas poden contribuír, lembra o organismo internacional, a mitigar o cambio climático.

Na súa publicación Empresas e dereitos humanos: accións e casos de éxito no marco da Axenda 2030, Pacto Mundial recolle unha serie de accións que, di, “poden levar a cabo as empresas para respectar o dereito a un medio ambiente san”, e destaca as seguintes:

• Implementar políticas e prácticas empresariais que eviten a contaminación e sobreexplotación dos ecosistemas.

• Adoptar criterios de economía circular para a redución e reutilización de plásticos ou envases.

• Elaborar plans de actuación contra o cambio climático en liña co Acordo de París.

• Fomentar a mobilidade sostible para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro provocadas polo transporte.