Tres décadas de impulso ao desenvolvemento rural

Tres décadas de impulso ao desenvolvemento rural

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia celebra estes días o trinta aniversario do programa Leader, que permitiu apoiar 7.300 proxectos, consolidar case 6.000 empregos e crear máis de 5.000 novos postos de traballo.

Cunha mobilización de máis de 930 millóns de euros no campo galego no últimas tres décadas, o programa Leader permite facer partícipes aos actores locais no deseño e a posta en marcha de estratexias, a toma de decisións e a asignación de recursos para o desenvolvemento das súas zonas rurais. No acto de conmemoración do 30 aniversario, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou a filosofía do Leader, cun enfoque “de abaixo cara arriba” que garante a participación activa dos principais axentes locais e que aposta pola cooperación entre entidades de diferentes ámbitos -económico, social, cultural, veciñal ou ambiental- e as administracións.

Nos bos resultados deste programa tiveron moito que ver os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, aos que Rueda agradeceu o seu compromiso, traballo e profesionalidade á hora de contribuír decisivamente na creación de riqueza e emprego no rural. Os  GDR, engadiu, son “aliados” na aplicación da Lei de recuperación de terra agraria e na posta en marcha de iniciativas como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais. 

Coa mirada posta na próxima convocatoria, a Xunta acaba de lanzar unha liña de axudas dotada con case un millón de euros para apoiar aos  GDR no deseño de novas estratexias participativas no marco do Leader. Neste sentido, o impulso ao desenvolvemento rural é unha prioridade da Xunta de Galicia na súa aposta pola responsabilidade social, onde o arraigamento ao territorio e o desenvolvemento bottom up son esenciais.