Compromiso de axentes sociais e económicos na Alianza Galega polo Clima

Compromiso de axentes sociais e económicos na Alianza Galega polo Clima

Imprimir Email
(0 votos)

Universidades, autoridades portuarias, empresas e industria e outras entidades suman as súas forzas para traballar xuntos, sector público e privado, co obxectivo de “deixar unha Galicia mellor ás próximas xeracións”. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou así a implicación de tecido empresarial e sociedade civil na Alianza Galega polo Clima.

Durante o acto de sinatura, celebrado a mesma semana na que Nacións Unidas conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e o dos Océanos (8 de xuño), Rueda lembrou que hai moitas maneiras de contribuír a frear o cambio climático: “Fano as industrias que modifican o seu sistema de produción para facelo máis eficiente e sostible; fano as universidades cando investigan e deseñan sistemas para favorecer esa produción respectuosa co medio; e fano as empresas que optan por produtos máis sostibles e ecolóxicos ou que desenvolven tecnoloxía que mellora e preserva a contorna”.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta explicou que formar parte desta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas que cada ano iranse marcando, ademais dunha serie de deberes, como: establecer accións dirixidas á mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre esta materia; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima; ou impulsar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

A Alianza Galega polo Clima ponse en marcha precisamente cando o Goberno autonómico está a tramitar a que será a futura Lei do Clima de Galicia, que, tal e como lembrou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante un acto organizado Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular,  Viratec, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, “será a primeira norma que recoñeza como obrigación legal alcanzar a neutralidade climática en Galicia en 2050”.