Nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade laboral

Nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade laboral

Imprimir Email
(0 votos)

Co obxectivo de facilitar a promoción dos valores da igualdade de xénero e a loita contra a fenda salarial dentro dos lugares de traballo, a Xunta vén de publicar a nova convocatoria de axudas dirixidas a sindicatos e organizacións empresariais para a creación de gabinetes técnicos especializados.

A convocatoria, publicada onte no Diario Oficial de Galicia pola Consellería de Emprego e Igualdade e cuxo prazo de solicitude remata o próximo 10 de xuño, está dotada con 400.000 euros dos que o 50% destinarase a asociacións empresariais e a outra metade, ás organizacións sindicais intersectoriais. As entidades beneficiarias verán cubertos os gastos tanto da fundación como da consolidación de ditos órganos entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022.

Con esta liña de apoios, a Xunta pretende ademais apoiar ás empresas na definición e desenvolvemento dos plans de igualdade e dun traballo de diagnose permanente, que inclúe actividades informativas e identificación de boas prácticas. No caso dos gabinetes técnicos especializados en igualdade laboral, o traballo céntrase en eidos como o da negociación colectiva, os procesos de selección e contratación, a clasificación profesional, a formación, a promoción profesional, as condicións de traballo e o exercicio corresponsable da vida persoal, familiar e laboral.