Nova certificación galega de excelencia en igualdade para eliminar a fenda salarial

Nova certificación galega de excelencia en igualdade para eliminar a fenda salarial

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes e que fomenten o benestar laboral entre os seus traballadores. A través da certificación galega de excelencia en igualdade, na que traballa a Consellería de Emprego e Igualdade, ponse o foco na concienciación respecto da necesaria redistribución dos tempos de traballo, ofrecendo modalidades máis flexibles para facilitar a compatibilidade entre emprego e atención das necesidades familiares.

A eliminación da fenda salarial nos postos de traballo é un dos eixos centrais da nova certificación; de feito, para acceder á mesma as compañías deberán acreditar a igualdade de retribución por traballos de igual valor durante o período de vixencia da marca. Ademais, as empresas interesadas en ostentar este selo de excelencia deberán levar a cabo unha formación mínima de oito horas en igualdade laboral dirixida ás persoas con cargos de responsabilidade.

A anunciada pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no Parlamento galego é unha medida máis no marco da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, un eido que conta cunha inversión no orzamento anual de 16 millóns de euros. Neste mesmo sentido, a Xunta traballa no deseño do II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2022-2025 e na avaliación da primeira edición desta iniciativa, que ata 2020 rexistrou o cumprimento de sete de cada dez medidas.