Sustentabilidade e responsabilidade social como garantía de igualdade no Día Internacional da Muller

Sustentabilidade e responsabilidade social como garantía de igualdade no Día Internacional da Muller

Imprimir Email
(0 votos)

“Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”. O lema escollido este ano por Nacións Unidas para a conmemoración do Día Internacional da Muller pon sobre a mesa o vínculo entre xénero, equidade social e cambio climático debido a que a crise climática acrecenta as desigualdades existentes, facendo perigar os medios de vida das mulleres. “Sen a inclusión da metade da poboación mundial é pouco probable que mañá se fagan realidade solucións que brinden un planeta sostible e un mundo no que haxa igualdade de xénero”, explican desde ONU Mulleres.

A fenda salarial de xénero ascende, segundo datos de Nacións Unidas, a un 23% a nivel internacional, un 16% na Unión Europea e, no caso de España, a desigual retribución entre homes e mulleres alcanza unha diferenza do 21%. Promover unha remuneración xusta e igualitaria é, por tanto, unha das prioridades de ONU Mulleres e a Organización Internacional do Traballo, que instan a empresas, organizacións civís, sociedade e diversos entes asociativos a considerar a eliminación da fenda salarial unha meta fundamental para os dereitos humanos en xeral e a igualdade de xénero en particular.

Na liña de impulsar a igualdade a través de medidas que fomenten a conciliación e a responsabilidade social empresarial traballa a Xunta de Galicia, que mantén abertos diversos mecanismos de axuda destinadas a pemes e persoas traballadoras autónomas. O Goberno galego traballa, ademais, tal e como avanzou a secretaria  Xeral de  Igualdade, Susana López Abella, durante a presentación do documental Referentes femininos na Mariña lucense, no deseño do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, co que se reforzará a promoción de valores desde o eido educativo “para eliminar os estereotipos que sustentan as desigualdades de xénero”.

Tamén no marco das liñas de axuda postas en marcha a través da Consellería de  Emprego e Igualdade, está aberto o prazo de inscrición no programa formativo de empoderamento e liderado feminino IMPULSA, do que poderán beneficiarse un centenar de mulleres mediante talleres, equipos de traballo, sesións de networking e grupos de acción que, de forma virtual, abordarán as novas perspectivas do mercado laboral e o emprendemento.