A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, veñen de asinar un acordo de colaboración polo que se destinarán 3,5 millóns de euros do Plan Corresponsables para a promoción de actividades de animación socio deportiva a través das federacións deportivas galegas co obxectivo de contribuír á conciliación das familias.
O acordo, que terá unha vixencia dun ano, permitirá que as federacións reciban axudas directas para organizar uns 374 grupos de actividade de animación socio deportiva que chegarán a case 5.000 menores de 16 anos. A través destes programas, a Xunta estima axudar a máis de 3.200 familias.
Conforme subliñou a conselleira durante a sinatura do convenio, esta iniciativa “permitirá articular un mecanismo saudable para reforzar o apoio ás necesidades de conciliación das familias”, ademais, engadiu, de impulsar “outros eixos de actuación relacionados coa creación de emprego”.
O acordo asinado é un exemplo da visión integral das políticas públicas en materia de igualdade postas en marcha pola Xunta, que incrementa a efectividade das súas actuacións ao transversalizar -neste caso a través tanto da Consellería de Emprego e Igualdade como da Secretaría Xeral para o Deporte- os servizos proporcionados á cidadanía.