“A nosa metodoloxía fundaméntase na análise continua do contexto e as necesidades das persoas que traballan na compañía”

“A nosa metodoloxía fundaméntase na análise continua do contexto e as necesidades das persoas que traballan na compañía”

Imprimir Email
(0 votos)

Convencida da necesidade de crear “espazos onde internamente fomentemos piares do noso benestar como as emocións e relacións positivas, o recoñecemento ou o propósito”, a responsable da Oficina de Desenvolvemento e Benestar de Grupo Castrosua, Laura Isabel Vergara Barreiros, explica que, un ano despois da posta en marcha do departamento, percibe “unha gran melloría á hora de tomar conciencia da importancia de coidar do noso benestar como factor preventivo”.

En marzo de 2021 puxeron en marcha a Oficina de Desenvolvemento e Benestar para reforzar a creación dunha contorna saudable na empresa e proporcionar máis recursos ao persoal. Como xorde a idea da creación desta oficina?

A saúde psicosocial e o benestar das persoas que conforman Grupo Castrosua son e serán unha prioridade para o grupo e, por suposto, para o seu presidente, Juan Luis Castro, impulsor desta iniciativa. Desde hai xa uns anos Juan Luís promoveu e instaurou diferentes iniciativas enfocadas a mellorar o benestar dos seus colaboradores. 

É o propio presidente quen, comprometido con esta misión, decide poñer en marcha antes da pandemia unha serie de medidas orientadas a coidar dos seus traballadores. Entre esas medidas destacan a colaboración de profesionais externos que xeraron espazos e formacións especificas en materias tan necesarias como o autocoidado, o optimismo e o liderado de equipos. 

Por mor desta e outras experiencias, Juan Luís decide integrar esta visión na creación dun departamento con dedicación exclusiva, a Oficina de Desenvolvemento e Benestar, poñendo así de forma directa a saúde do noso equipo no centro.

Que servizos ofrecen aos seus traballadores a través deste espazo?

Esta oficina nace co propósito de reforzar e continuar liderando un papel activo na creación dunha contorna saudable onde se promove o crecemento e o desenvolvemento, tanto persoal como profesional, e achéganse recursos e ferramentas que melloren a calidade de vida. 

Por iso, puxemos en práctica ata o momento diferentes iniciativas onde traballamos de forma práctica e dinámica a xestión de fortalezas persoais, técnicas de psicoloxía positiva para o día a día, desenvolvemento do liderado positivo e integración de linguaxe e comunicación positiva. 

Cal é o método de traballo dentro da oficina?

Desde a oficina, somos conscientes das demandas da contorna actual. Por iso, a nosa metodoloxía de traballo fundaméntase na análise continua do contexto e necesidades de cada unha das persoas que traballan na compañía. Con iso, deseñamos e elaboramos accións personalizadas con aplicabilidade a nivel individual e colectivo. 

Desta forma, dentro da nosa metodoloxía podemos atopar un repertorio amplo de iniciativas que achegan solución a necesidades particulares e individuais, por exemplo aquelas vinculadas ao desenvolvemento da persoa. Así como iniciativas máis globais dirixidas a sentar as bases do coidado do noso benestar en xeral, como é o caso dos talleres formativos en xestión emocional e/ou psicoloxía positiva.  

Que aspectos relacionados coa RSE son os máis demandados polo seu persoal?

Hoxe en día, a regulación emocional, especialmente a xestión de emocións negativas e o manexo do estrés, son dous grandes fitos sobre os cales os nosos equipos demandan máis ferramentas. 

De igual modo, desde a oficina parécenos importante resaltar a importancia de crear xuntos espazos onde internamente fomentemos piares tan importantes do noso benestar como as emocións e relacións positivas, o recoñecemento e/ou logro ou o propósito e sentido. 

Perciben melloría no ambiente xeral da empresa e o benestar do persoal desde que se lanzou a oficina?

Si, o certo é que notamos unha gran melloría especialmente á hora de tomar conciencia da importancia de coidar do noso benestar como factor preventivo. 

Ao dar a coñecer e poñer no centro aqueles factores que afectan directamente ao noso benestar persoal, tanto a nivel emocional, relacional e físico, como mental, conseguimos que as persoas que traballan connosco sexan máis conscientes da influencia que teñen na súa calidade de vida. 

En consecuencia, notamos un incremento do interese e participación nas accións e iniciativas que desde a oficina estamos a lanzar, as cales ademais están a obter valoracións moi positivas por parte dos seus participantes. 

Como resumirían o primeiro ano de vida deste departamento? Cales son as perspectivas para o futuro?  

Foi un ano de coñecemento mutuo. O persoal da compañía puido coñecer de preto e en primeira persoa a misión e liñas de actuación da oficina, e desde a mesma puidemos realizar un diagnóstico máis pormenorizado das necesidades e expectativas a cumprir. 

Poderíase dicir que foi un ano no que, en definitiva, sentamos unhas bases sólidas para continuar construíndo un camiño xuntos no que nos esperan accións encamiñadas a que podamos sentirnos mellor cada día.