A xornada Talento Empresarial Feminino, organizada pola Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia, salientou esta mañá o traballo que as mulleres están a realizar como motor empresarial e como elemento estrutural, tanto na economía como na sociedade galega.
A Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, foi a encargada de clausurar este evento, e lembrou que as mulleres ocupan actualmente o 25,3% das posicións en consellos de administración, pero espera que xoguen “un papel moito máis protagonista no empresariado galego ao longo dos próximos anos”.
Este encontro contou coa presenza de mulleres de éxito de todo o tecido empresarial galego, que representaron a diferentes sectores como a automoción, a nanotecnoloxía, o conserveiro ou o vinícola. Tal e como salientou Lorenzana, todas representan “un claro exemplo de esforzo e superación e visibilizan o liderado de moitas outras”. A titular de Emprego e Igualdade tamén reivindicou a involucración de todos e todas para mudar perspectivas e educar a sociedade a favor das mulleres, tanto as que están agora como as que virán detrás.
O traballo da administración a prol do liderado das mulleres
“Avalar con firmeza a importancia de contar con liderado feminino para facer fronte aos retos que temos por diante”. Estas foron as palabras de Lorenzana respecto dos plans de futuro respecto da iniciativa emprendedora en Galicia. Neste sentido, resaltou o apoio que o goberno galego está a brindar ao emprendemento feminino na nosa comunidade, que chegou a representar un 65% no ano 2019. A muller está a ter unha maior presenza no ámbito do emprego autónomo, representando a finais de agosto de 2021 o 40,89% do total das persoas afiliadas ao RETA (fronte ao 36% que representan en España), constituíndose así Galicia como a Comunidade Autónoma con maior peso do emprego autónomo feminino a nivel estatal.
Para facer medrar o liderado das mulleres en Galicia a Xunta traballa en iniciativas como o programa Emega, que entre o 2009 e o 2020 permitiu financiar 902 proxectos liderados por mulleres e crear case 1.600 postos de traballo femininos. Ademais, Lorenzana recalcou a importancia da formación, resaltando programas como Son Executiva ou Medrando Xuntas, que están axudando a acadar unha maior presenza das mulleres no ámbito empresarial.