Que certificacións podo subvencionar coa liña III do programa de axudas RSE?

Que certificacións podo subvencionar coa liña III do programa de axudas RSE?

Imprimir Email
(0 votos)

A Liña III do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) está dedicada á subvención da obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social.

Para iso, realizarase o pagamento do 80% dos custos que implique o proceso de certificación ou verificación, cun máximo de 2.000 euros por empresa.

Normas subvencionables

Poderán ser as relacionadas no Diario Oficial de Galicia do 10 de maio de 2021, que serán relatadas a continuación, ou equivalentes:

  • Empresa familiarmente responsable-EFR: Está promovido pola Fundación Másfamilia e avalado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e recoñece a aquelas empresas implicadas na xeración dunha nova cultura do traballo, que permite unha correcta conciliación entre a vida laboral e a persoal. Este certificado axuda á mellora da competitividade do persoal, reducindo o absentismo e axudando á retención de talento, fortalecendo así a reputación corporativa da empresa.
  • Global Reporting Initiative (GRI): Impulsados por unha institución independente que creou o primeiro estándar mundial de aliñamentos para a elaboración de memorias de sustentabilidade, os estándares GRI representan as mellores prácticas para informar de forma pública os impactos económicos, ambientais e sociais dunha organización, amosando as súas contribucións ao desenvolvemento sustentable. United Nations Globlal Compact: O Pacto Mundial das Nacións Unidas proporciona unha linguaxe universal para a responsabilidade corporativa e un marco para guiar ás empresas, independentemente do seu tamaño. Unirse a este compromiso significa marcar a diferenza en catro áreas fundamentais da sustentabilidade: dereitos humanos, traballo, medio ambiente e loita contra a corrupción.
  • ISO 19600: Trátase dun conxunto de directrices que proporcionan orientación para deseñar, desenvolver, implementar e manter un sistema de xestión de compliance eficiente dentro das empresas.
  • SGE 21: Desenvolvida por Forética, é a primeira norma europea que permite de maneira voluntaria implantar, auditar e certificar un sistema de xestión ética e socialmente responsable. Está pensada para adaptarse a todo tipo de organizacións e é compatible con outros modelos de xestión como ISO 9001, ISO 14001 ou ISO 45001.
  • Global Accountability 1000 (AA 1000): Ferramenta recoñecida internacionalmente, orientada a fortalecer o compromiso das empresas cos seus grupos de interese mediante a incorporación dun sistema de xestión do aseguramento da sustentabilidade. Avalía a información que se divulga respecto ao desempeño da sustentabilidade e como as organizacións xestionan a esta materia máis alá dos informes financeiros.
  • EMAS: Regulamento de xestión ambiental que recoñece a aquelas organizacións que teñen implantado un sistema de xestión ambiental e adquiriron un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes. Aparte das vantaxes relacionadas coa implantación deste sistema de xestión, tamén axuda á contribución ao desenvolvemento da economía circular, posto que obriga a establecer unha serie de indicadores de comportamento ambiental para analizar e medir o uso eficiente dos recursos e supón un motor para a innovación, entre outros beneficios.
  • ISO 14000: Familia de normas que regulan todo o relativo aos sistemas de xestión ambiental das empresas, é dicir, establecen ferramentas e sistemas enfocados ao procesos de produción ao interior dunha empresa ou organización axudando a reducir os riscos medioambientais da súa actividade. Son froito do compromiso ante o Cumio da Terra e o Cambio Climático, organizado pola Conferencia sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento en xuño de 1992 en Brasil.
  • SA 8000: Estándar baseado nos principios e os dereitos laborais conforme á Organización Internacional do Traballo (OIT), a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Convención sobre os Dereitos do Neno. Con esta certificación, as empresa amosan un compromiso ético e socialmente responsable, transmitindo un ambiente de traballo máis equitativo e xusto.
  • IQNet SR10: Estándar de xestión e certificación da responsabilidade social que recolle as mellores prácticas e recomendacións na materia. Recoñecido a nivel internacional, permite beneficiarse de numerosos aspectos como o incremento da confianza e a credibilidade ou a diferenciación e mellora da reputación e tamén facilita a elaboración de informes e reportes de sustentabilidade. • BEQUAL: Este selo distingue ás compañías como socialmente responsables coa discapacidade. Para adquirilo é preciso contar cun compromiso polo menos en tres áreas esenciais: estratexia e liderado, a xestión dos recursos humanos e a accesibilidade universal, tanto ás instalacións, como á comunicación e cos provedores e á prevención de riscos laborais.
  • ISO 45001: Certificación idónea para aquelas empresas con vontade de mellora continua para a xestión de riscos, debido á necesidade existente de harmonizar os sistemas de seguridade e saúde no traballo. Trala súa implantación, entre as vantaxes que ofrece atópanse a diminución do índice de lesións e mortes relacionadas co traballo, eliminación de perigos relacionados coa SST ou a preservación da reputación da marca.
  • Certificación Empresa Saudable: Esta certificación conséguese cumprindo os requisitos de xestión establecidos para as organizacións comprometidas coas recomendacións internacionais sobre empresas saudables, que son aquelas que inverten na promoción da saúde no traballo para conseguir un ambiente laboral adecuado ao modelo definido pola Organización Mundial da Saúde.
  • Selo Horarios Racionais: Emprendida pola Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois (ARHOE), recoñece a aquelas organizacións que se comprometen coa promoción do benestar e o desenvolvemento pleno das persoas e a súa calidade de vida mediante a racionalización de horarios e integran o respecto do tempo e o espazo na súa cultura empresarial.

Requisitos da solicitude

Poderán ser beneficiarias desta liña de axudas aquelas pequenas e medianas empresas ou persoas traballadoras autónomas que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea. Ademais, deberán contar con domicilio e centro social en Galicia e un mínimo de 6 traballadores. As solicitudes poderán realizarse ata o vindeiro 10 de xuño e deberán facerse de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.