Ata o vindeiro 1 de maio estará aberto o prazo para realizar a inscrición no curso que a Xunta de Galicia ofrece ás empresas para adaptarse á nova normativa estatal en materia de plans de igualdade. Esta formación foi deseñada no seo do diálogo social para facilitar coñecementos sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a non discriminación laboral e protocolos para loitar contra o acoso sexual por razón de sexo.
Tal e como indicou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, nunha recente webinar na que informou dos recursos que a administración da nosa comunidade pon á disposición do tecido empresarial galego en material de igualdade, Galicia é pioneira en facilitar una formación deste tipo, que será impartida por inspectoras de traballo especializadas en igualdade e o rexistro de igualdade retributiva, entre outros aspectos. Mancha tamén sinalou que “o goberno galego está totalmente comprometido coa igualdade laboral”.
Matrícula e datas de impartición
Todas as persoas interesadas en participar nesta formación deberán inscribirse enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Este curso terá lugar entre o 11 de maio e o 1 de xuño e incluirá unha plataforma de teleformación que facilitará o acceso aos contidos, xa que se poderá acceder ás gravacións e contará cun sistema de titorización cos docentes.
Próximas axudas
A directora xeral tamén avanzou que nas próximas semanas serán convocadas as axudas para o fomento de plans de igualdade, o teletraballo e a flexibilidade horaria, apoios que veñen fomentando nos últimos anos a igualdade de oportunidades e unha maior competitividade nas empresas galegas. Mancha apuntou ademais que desde a Xunta de Galicia estanse a promover políticas de emprego e igualdade “tendo sempre presente a mellora do emprego feminino, xa que supón un beneficio para as mulleres e para as empresas”.