A reactivación económica igualitaria, clave para manter o emprego e xerar oportunidades

A reactivación económica igualitaria, clave para manter o emprego e xerar oportunidades

Imprimir Email
(0 votos)

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de defender no Parlamento de Galicia a situación de vantaxe na que a Xunta de Galicia está a situar a comunidade de cara á reactivación económica trala pandemia da COVID-19. 

A saída desta crise debe ser, segundo apuntou Lorenzana, igualitaria, plural e sólida, e por parte da administración xa se están a adoptar medidas preventivas e paliativas que axudan a minimizar o impacto da pandemia nas familias galegas. Ademais, defendeu que o goberno galego está tratando de adiantarse aplicando medidas cunha vertente de futuro co obxectivo de acadar “un mercado laboral máis atractivo e dinámico”. Por iso, a Xunta está a poñer máis énfase no seu compromiso cas galegas e galegos, e segue a apostar pola formación, os apoios para manter o emprego e a xeración de novas oportunidades. 

Plans de rescate e medidas de dinamización

Os esforzos que o goberno galego está a realizar en materia laboral de cara a manter o maior número de postos de traballo posibles e fomentar novas oportunidades laborais foron postos en valor pola titular de Emprego e Igualdade, que sinalou que “as medidas que estamos a implementar xa están a xurdir efecto”, facendo referencia aos dous plans de rescate que xa mobilizaron 160 millóns de euros. Respecto do segundo plan, do que o prazo para a súa solicitude rematou recentemente, indicou que ata o de agora se aboaron 10 millóns de euros. 

Na súa intervención, aludiu tamén ás medidas de dinamización do mercado laboral que están a impulsar o emprego autónomo, a economía social, a conciliación e a contratación de persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. 

Nun futuro próximo, a estas medidas engadirase un terceiro plan que se está a deseñar con empresas, sindicatos, persoas traballadoras autónomas e interlocutores sectoriais, que será anunciado na nosa web

O reto da creación de emprego

Para desenvolver un mercado de traballo seguro, atractivo e dinámico, Lorenzana apuntou que un dos principais retos aos que nos enfrontaremos trala crise da COVID-19 é a creación de emprego. “Unha das nosas principais preocupacións son os fogares con todos os seus membros activos no paro, dada a súa intrínseca situación de vulnerabilidade”, apuntou.

De todos modos, a pesares da incidencia da pandemia, a conselleira quixo subliñar algúns dos indicadores que poñen á nosa comunidade en situación de vantaxe, aínda que apelou á prudencia. Un menor ritmo de caída de persoas ocupadas que no resto de España, o peche do ano 2020 con máis emprego indefinido respecto a 2019 e unha taxa de emprego feminina que supera en case 3 puntos á do conxunto nacional, foron algúns dos datos destacados por Lorenzana sobre a situación actual de Galicia, a comunidade con maior porcentaxe de mulleres traballadoras autónomas do Estado, cun 40,94%, e a comunidade autónoma con maior peso do emprendemento feminino.