A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro cos responsables da Fundación Ronsel no que destacou o compromiso da administración coa entidade en materia de formación. Así a conselleira agradeceu á Fundación Ronsel o labor realizado durante os seus 20 anos de traxectoria, axudando a mellorar a empregabilidade das persoas a través de servizos de orientación laboral, intermediación, formación ocupacional e de asesoramento a emprendedores. Neste sentido, puxo en valor o proxecto de mentoring que se está celebrando con máis de 220 autónomos co obxectivo de consolidar os negocios dos participantes e ofrecer pautas sobre como reorientalos e melloralos.
Durante o acto, desenvolvido en liña, a titular da Consellería lembrou a importancia da formación e a relación directa que ten cos autónomos. Sobre estes destacou que a Xunta ten activo o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hostalería prevé beneficiar a máis de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas. No encontro, incluído nas sesións do proxecto de mentoring que desenvolve a entidade en colaboración coa Administración autonómica, Lorenzana apuntou que as persoas traballadoras autónomas son “o motor económico de Galicia” e unha “peza clave” da economía galega. Por iso, engadiu que a Xunta está ao seu carón co obxectivo de que poidan recuperar a senda do crecemento o máis axiña posible. Así, trasladou aos participantes a vontade da Administración autonómica de seguir acompañándoos con medidas que lles permitan afrontar o seu día a día e mellorar a competitividade dos seus negocios.
O Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hostalería caracterízase pola accesibilidade dos seus requisitos e a axilidade á hora de tramitar ás axudas, xa que en cuestión dun mes os primeiros solicitantes xa estarán cobrando o apoio económico para contribuír ao mantemento da súa actividade empresarial. Inclúe tres liñas de apoios diferentes: para autónomos, con e sen persoal ao seu cargo, para microempresas e autónomos con persoal a cargo e para os establecementos hostaleiros afectados polos peches. Así, un autónomo hostaleiro poderá acceder a apoios de entre 6.700 e 9.200 euros. O primeiro dos programas xa está publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e prevese activar os dous restantes nos próximos días.