O novo informe do Observatorio RSE Galicia inclúe por primeira vez unha análise dos ODS

O novo informe do Observatorio RSE Galicia inclúe por primeira vez unha análise dos ODS

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia vén de publicar o décimo terceiro informe do Observatorio RSE Galicia 2018 no que se expón o estado da responsabilidade social empresarial nas empresas galegas. Neste documento, que se elabora de forma bienal, participaron un total de 500 empresas da comunidade. 

Este novo informe inclúe por primeira vez unha análise dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e o seu impacto na rendibilidade. O 64,25% das empresas galegas participantes son coñecedoras destas metas responsables e poderían contribuír en maior medida a acadar o reto 8 (fomentar o crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todos) e o número 5 (lograr a igualdade entre os xéneros e apoderar a todas as mulleres e nenas). 

Situación da RSE en Galicia

No citado informe ponse de manifesto que o tamaño da compañía ten unha grande influencia no coñecemento da responsabilidade social empresarial. Os datos son claros: arredor do 80% das pequenas e microempresas galegas consultadas aseguran coñecer a RSE, pero se ampliamos o número de traballadores, máis dun 97% das medianas e grandes empresas que foron obxecto de estudo están familiarizados con este concepto. 

Dentro de Galicia, un 38% das empresas enquisadas contan cun departamento ou unha persoa responsable de RSE e o 79,84% informa ao seu cadro de persoal dos seus obxectivos e estratexias empresariais. 

Ámbitos de actuación 

Segundo os datos obtidos, cando se trata de RSE, as empresas galegas actúan nos seguintes ámbitos: laboral (77,39%), medio ambiente (63,28%) e económico (36,87%).

No ámbito laboral, o 80,49% das empresas afirman contar cunha política de formación do persoal. Os aspectos máis valorados dentro deste campo son a formación permanente de traballadores e traballadoras e o emprego de calidade.

No apartado de desempeño económico ten unha importancia vital a conciliación, onde a postura das empresas é clara: as accións a favor da conciliación laboral, persoal e familiar tradúcense nun incremento da produtividade da empresa. 

Para medir o impacto da súa actividade, o 41,69% dos enquisados asegura que ten indicadores ambientais. Este dato mellora se falamos de grandes empresas (75,88%) así como medianas (61,11%). Ademais, os obxectivos medioambientais forman parte da estratexia do 75% das firmas. 

Consulta e descarga

O documento do XIII Informe do Observatorio RSE Galicia poderá consultarse e descargarse proximamente. Unha vez o documento estea dispoñible, será anunciado na nosa web e redes sociais.