Cal é o papel da muller no mundo das matemáticas? Hai igualdade? Podemos conseguila? Hoxe tratamos este tema con Elena Vázquez Cendón, actualmente decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Cunha experiencia de case trinta anos como docente, formou parte da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, na súa orixe e actualmente é membro da mesma. Tamén é membro do plenario do Consello da Cultura Galega e forma parte do listado de Referentes Galegas, de Executivas de Galicia.
Leva practicamente trinta anos como profesora titular na Universidade de Santiago de Compostela. Que podería dicirnos da situación da igualdade nas aulas? Hai unha maior porcentaxe de alumnas que hai, por exemplo, quince anos, ou estamos retrocedendo nese aspecto?
A verdade é que depende. Desde que entrei na Universidade de Santiago, din clase en titulacións moi diferentes e a presenza de mulleres depende da titulación. Por exemplo, no Grao en Enxeñaría Informática, no que están moi presentes os estereotipos, no ano 2006 había un 20% de mulleres. Esta porcentaxe foi baixando e hoxe parece que remontamos, chegando case ao 10%. Este aumento é de agradecer porque a diversidade é moi rica.
No caso das matemáticas, hai aproximadamente entre un 44 e 45% de mulleres ao entrar e un 55% de graduadas, o que indica que nesta titulación hai unha maior paridade e que existe entre as alumnas unha menor taxa de abandono. Tamén son profesora no Mestrado en Matemática Industrial, estudos onde o alumnado procede nun 50% de carreiras como Matemáticas ou Física, e o outro 50% de enxeñerías. Na primeira promoción case chegamos a acadar unha paridade entre alumnas e alumnos, pero agora as mulleres só supoñen o 30%.
Tendo estes datos, cómpre salientar que tanto a Xunta de Galicia como a universidade teñen interese en romper estereotipos para que as mulleres poidan elixir con liberdade o seu futuro profesional. Por exemplo, eu participei no programa “Nin + nin – Iguais”, da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, que ten este obxectivo.
E que nos podería dicir en canto ao profesorado?
Depende da titulación e da área de coñecemento. Lembrando datos da guía da Facultade de Matemáticas para o próximo curso, no centro temos un 33% de profesoras, pero as porcentaxes son moi diferentes entre as áreas. Por exemplo, en Matemática Aplicada, á que eu pertenzo, temos nove mulleres e nove homes, polo que existe unha paridade exacta. Pero na área de Xeometría e Topoloxía só quedará unha compañeira para o curso que vén.
Aínda que depende das áreas, podemos observar a tendencia de que hai máis mulleres que anos atrás. Neste momento hai unha maior presenza feminina en órganos de goberno, como nos decanatos ou nas direccións de departamentos, pero non conseguimos ter unha muller reitora. Tamén deberiamos avanzar cara unha maior presenza de mulleres catedráticas.
Cal pensa que pode ser a razón que free ás rapazas a elixir dedicar a súa futura carreira profesional ao mundo das matemáticas?
Como nestes momentos contamos cun 44% de alumnas, creo que se incrementou o prestixio das mulleres nesta titulación. Tamén penso que as mulleres sufrimos o "síndrome do impostor", polo que moitas veces sentimos que non somos o suficientemente boas para determinados traballos. Por iso, as mozas pódense sentir máis intimidadas para dedicarse ás matemáticas.
É moi importante que loitemos contra todo isto e que compartamos os números reais para combater os estereotipos, especialmente entre as novas xeracións, que lle outorgan unha grande importancia á socialización. Temos que transmitir valentía ás mozas, dicirlles que se queren dedicarse a unha carreira STEM, poden facelo e, sobre todo, amosarlle referentes para que poidan identificarse.
Existen referentes de mulleres matemáticas que pasaron á historia, como Hipatia, Sophie Germain ou Ada Lovelace. Están suficientemente recoñecidas ou pensa que no seu campo os homes eclipsan a estas referentes femininas?
Creo que as mulleres matemáticas están máis invisibilizadas. Deberiamos aproveitar efemérides, como a da chegada á Lúa, para facer visible a figura das mulleres o fixeron posible, como a matemática Margaret Hamilton. Temos que sentir orgullo por esas referentes e botar man de ferramentas, como o cinema coa película Figuras ocultas, para apoderarnos e tamén apoderar ás xeracións futuras.
Así mesmo, debemos facer ver que os erros non nos impiden ter éxito, aínda que grazas a eles o academos. Estou segura de que o obxectivo inicial de todas as mulleres que deixaron unha pegada na historia das matemáticas non era ter éxito, senón facer ben o seu traballo. Dando exemplos de estas referentes podemos transmitir normalidade no mundo das matemáticas, facendo ver ás nenas que teñen que ser valentes e que non pasa nada por seren imperfectas.
Por último, segundo datos de Women in Science, da Unesco, as mulleres realizaron menos do 30% da investigación en ciencias e en matemáticas ocorre algo similar. Como cre que podemos avanzar cara a igualdade real neste campo? Canto camiño nos queda por percorrer?
Para isto, os referentes son importantes. Precisamos persoas e iniciativas que animen ás rapazas. En Galicia temos o exemplo do Proxecto ESTALMAT para Estímulo do Talento Matemático. Resulta curioso que cando lles preguntamos aos participantes como tomaron a decisión de presentarse, os nenos indican que foi porque llo recomendou un mestre, pero parece que as nenas precisan varias opinións para convencerse de que son boas nas matemáticas. Da forma que contestan, transmítennos esta sensación de necesitar unha segunda opinión, polo que é fundamental que demos unha maior visibilidade ás nenas e apoiemos as súas preguntas e a súa curiosidade.
Por outra parte, fan falta máis recursos na investigación para todas e para todos, porque agora o futuro profesional neste campo é menos claro que nas empresas ou na docencia. Por iso pode ser que as mulleres sexan máis pragmáticas e decidan dedicarse a opcións máis favorables e cun futuro máis definido. No meu caso, cando eu entrei as mulleres eramos maioría no meu departamento, pero recoñezo que a miña contorna máis próxima era moi positiva. Agora temos moitos referentes pero precisamos recursos. Non podemos baixar a garda, porque apoderando ás mozas podemos acadar resultados fantásticos.