"Temos asumida a RSE como unha estratexia corporativa e non só como un conxunto de medidas"

"Temos asumida a RSE como unha estratexia corporativa e non só como un conxunto de medidas"

Imprimir Email
(0 votos)

Hoxe presentamos outra das empresas participantes nesta segunda edición de Responsabilízate: Arias Infraestructuras. Dedicada á construción, leva desde 1955 desenvolvendo proxectos de obra civil, edificación e medioambiente.

No seu caso, son tres persoas as dedicadas á xestión da responsabilidade social dentro da empresa: Banesa Regueira Freire (Responsable de Planificación e Compras), María Cano Pozuelo (Responsable de Servicios Xerais) e Ana Mª Domínguez Rodríguez (Directora Corporativa). Falamos con elas sobre o seu paso polo programa e, por suposto, sobre RSE.

Como se define a responsabilidade social empresarial dende a perspectiva dunha empresa do sector da construción?

A RSE na construción, no caso de Arias Infraestructuras, consiste na contribución por parte da compañía a un desenvolvemento sustentable e competitivo a través de prácticas medioambientais e socialmente responsables.

En España a maior parte das grandes empresas construtoras asumiron a RSE no seu modelo de xestión de xeito pioneiro ao doutros sectores, posiblemente porque somos conscientes da importancia que o sector ten na economía española e na contorna. Tamén porque moitas de nós traballamos noutros países onde a RSE é entendida como unha necesidade da empresa. 

Por outra banda, a construción é posiblemente un dos sectores máis transversais nos seus impactos. Isto fai que teña moitos grupos de interese e puntos críticos que deben ser atendidos dende a empresa. Neste sentido, Arias Infraestructuras intenta ser coherente medrando cada ano en materia de RSE e asumindo as novas demandas da realidade política, económica, medioambiental...

Son unha empresa cunha clara vocación medioambiental. No ano 2017 realizaron un estudo onde, entre outros aspectos, concluían que houbo unha redución na xeración de aceite usado ou nos envases contaminantes, así como un descenso no consumo de enerxía eléctrica nos seus centros fixos. No ano 2018 propuxéronse diminuír a cantidade de papel empregada e calcular a súa pegada de carbono para poder actuar ao respecto. Cales son os plans no 2019?

Temos un variado número de accións en marcha. No ámbito medioambiental destaca a valorización de residuos de construción xerados nas nosas obras e a renovación do parque de maquinaria con novos equipamentos que diminúen o consumo de combustible e emisións contaminantes. En canto á dimensión social, contamos coa colaboración con organizacións non gobernamentais e os patrocinios deportivos. De cara á comunicación da nosa estratexia definimos o desenvolvemento dun novo portal web para achegar ós stakeholders a filosofía sustentable da compañía.

Pasemos agora á súa participación en Responsabilízate. Que actividades levaron a cabo ata o momento? Gustaríalles destacar algunha en concreto?

Percibimos unha oportunidade de mellora no programa Responsabilízate para facer unha valoración das accións da empresa en materia de RSE, aquelas que xa formaban parte das nosas políticas, así como outras que poderían asumirse de cara o futuro.

Na primeira fase do programa tivemos a oportunidade de facer un diagnóstico inicial da empresa en materia de RSE, así como levar a cabo formación específica e participar en sesións de networking con outras empresas pertencentes ao programa que foron moi construtivas. Con este informe de diagnóstico e a mentorización do titor pasamos a segunda fase no que se trata de definir un Plan de Acción, cronoloxicamente ordenado, de accións e medidas que podemos implementar nun futuro. Nós atopámonos nunha etapa na que estamos xa implementando accións a curto prazo e valorando o seu impacto a través de indicadores.

Que esperan que lles aporte o seu paso polo programa?

Varias cousas en realidade. En primeiro lugar, seguir detectando oportunidades de mellora empresarial no eido da sustentabilidade. Coa participación no programa non hai marcha atrás, a RSE xa forma parte do core da compañía e é un brazo máis da xestión. Por outro lado, temos asumida a RSE como unha estratexia corporativa e non só como un conxunto de medidas como se facía no pasado.

Tamén nos gustaría destacar que o programa foi unha oportunidade para aprender doutras empresas e poñer en común experiencias. No material, entre Arias e o mentor do programa, definimos unha folla de ruta en materia de accións responsables ordenada de xeito cronolóxico e priorizada pola súa importancia para a compañía, que marcará a nosa estratexia de RSE nos próximos anos.

E, por último, mirando cara o futuro, cara onde orientarán a súa estratexia de RSE ao finalizar esta edición de Responsabilízate?

A estratexia de RSE de Arias está orientada á mellora continua e somos conscientes dos nosos impactos nos tres ámbitos: económico, medioambiental e social. Pola nosa condición de empresa construtora temos asumidas moitas normativas de calidade, medioambientais, laborais, de xestión... e fixemos menos esforzo no ámbito social. Moitas das medidas xa consensuadas van nesta liña e pensamos que poden achegarnos máis á nosa contorna e á sociedade.

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Arias Infraestructuras S.A.
  • Provincia: A Coruña
  • Sector: Construción 
  • Número de traballadores: 130
  • Obxectivo con Responsabilízate: O noso obxectivo con Responsabilizate é engadirlle valor a nosa estratexia corporativa
  • Valoración do programa: Moi positiva, tanto o programa Responsabilizate como a nosa titora nos teñen aportado moito coñecemento nunha área que poñíamos en práctica pero sen saber que o faciamos