Dende o comezo da súa carreira, Luz Pardo Longueira formou parte da organización e a dirección de varias asociacións sectoriais e empresariais. Na actualidade é a conselleira delegada do Grupo Gestan, un conxunto de empresas cunha clara aposta polo medio ambiente. Ademais, ostenta a presidencia de APROPELLETS, a Asociación Española de Empresas Produtoras de Pellets de Madeira, e a vicepresidencia da Cámara de Comercio da Coruña.
Tamén forma parte do listado de Referentes Galegas de Executivas de Galicia, e por iso, hoxe falamos con ela de igualdade e talento feminino no sector ambiental.
É vostede presidenta da Asociación Española de Empresas Produtoras de Pellets de Madeira. É a primeira muller ocupando este posto?
Efectivamente son a primeira muller que ocupa o posto de presidenta. E observo que a visibilidade feminina en postos de mando exerce de reclamo sobre as outras mulleres. A modo de anécdota, antes da miña elección só acudían homes como representantes das empresas, e dende a miña incorporación é habitual que, cando menos, catro ou cinco empresas envíen xa a compañeiras.
Que supón para a súa carreira?
Ao longo da miña traxectoria profesional, ocupei diversos postos directivos en asociacións sectoriais, porque creo absolutamente no asociacionismo como factor de dinamización social. Actualmente ocupo tamén a vicepresidencia da Cámara de Comercio da Coruña, por tanto non supón unha situación novidosa para min. Quizais dáme unha maior visibilidade.
Que é o que pode aportar o talento feminino ao campo do medio ambiente e a xestión de residuos?
Na miña opinión pode aportar o mesmo que en calquera outro campo. É un sector no que hai presenza feminina relevante en postos de perfil técnico, administrativo e comercial, pero en menor medida en postos de operación. No Grupo Gestan, temos talento feminino á fronte dos departamentos de Innovación, Técnico/Operacións, Comercial, Producción e Calidade. Só a Dirección Financeira e Administrativa está ocupada por homes. E a xerencia está compartida por un home e unha muller.
Existen actividades relacionadas co seu sector que as mulleres non realicen ou non se vexan capaces a realizar? Por que razón pensa que ocorre isto?
Ao fío do que indicaba na pregunta anterior, é nos postos de operación: padexeiros, camioneiros ou operarios de planta onde non hai case presencia feminina. O motivo é que non se reciben currículos de mulleres aspirantes a eles, probablemente porque non hai apenas mulleres con formación para uso de maquinaria pesada.
Segundo datos da Axencia Internacional de Enerxías Renovables (IRENA), só o 32% das persoas que traballan no mundo das enerxías renovables son mulleres. Que razóns existen para esta fenda de xénero?
Non teño unha opinión formada o respecto, porque no meu grupo a porcentaxe en postos cualificados e maior; pero imaxino que pode ser por dúas razóns: por un lado, hai menos mulleres que cursen carreiras STEM para optar a postos con responsabilidade (é un sector de enxeñeiros sobre todo) e por outro, tamén nos postos de operario no sector medioambiental hai menos demanda de traballo por parte das mulleres.
Tendo en conta as oportunidades que están xurdindo na economía verde, como cre que evolucionará o mercado laboral no sector en termos de igualdade entre mulleres e homes?
Eu creo que se irá equiparando, ao igual que noutros sectores coma o industrial, onde aínda está lonxe. Pero é unha realidade que as mulleres aínda optan de forma máis maioritaria por sectores coma o docente, o sanitario, o legal ou o servizos, entre outros. Debemos traballar para incrementar o traballo feminino nos sectores de economía circular, cunha grande proxección futura. Na miña opinión é moi importante que se incremente o número de mulleres nas carreiras STEM, que é onde haberá moita demanda de emprego nos vindeiros anos.