Adelaida Gómez é a primeira organizadora profesional do norte de España e unha das pioneiras desta profesión. Fundadora e directora de Orden Studio, foi unha das creadoras da Asociación de Organizadores Profesionais de España, que axuda a todas aquelas persoas que deciden encamiñar a súa carreira profesional cara este sector tan novidoso. Adelaida tamén forma parte de Referentes Galegas, un listado co que Executivas de Galicia está a dar visibilidade ao talento da nosa comunidade.
O campo dos organizadores profesionais é bastante recente. Cal é a situación en termos de igualdade? Hai más mulleres ou máis homes? Cal cre que é a razón?
Falando desde os datos que manexamos dende a Asociación de Organizadores Profesionais de España, case o 100% das persoas que se dedican a este sector son mulleres. Por suposto que hai algunha excepción, porque hai algúns homes que se dedican a isto, pero case a totalidade son mulleres.
A razón para isto é que a estrutura da nosa sociedade asociou o traballo do fogar á muller, e que as mulleres non sempre tivemos a posibilidade de elixir a que nos queriamos dedicar, levando o peso de todo o traballo doméstico. Creo que é algo que está a cambiar pouco a pouco, pero levará tempo.
Que é o que pode aportar o talento feminino a este sector tan recente?
A verdade é que, en liña co que xa falamos, as mulleres teñen un maior coñecemento do fogar. Aínda así, penso que o talento conciliador das mulleres, xa que somos moi capaces de conseguir paz e harmonía, é o que nos axuda neste sector. Pola nosa parte, sempre hai un desexo de querer evolucionar, de querer ser mellores, que pode aportar moito.
E tamén vexo que a grande maioría dos clientes son mulleres, nunha porcentaxe moi alta, o que vai en liña coa carga do traballo doméstico.
Segundo datos do 'Global Entrepeneurship Monitor', a fenda de xénero do emprendemento foise reducindo dende o ano 2013. Como emprendedora, que cre que freaba ás mulleres a montar a súa propia empresa?
Eu son emprendedora dende o ano 2014 e, desde a miña experiencia persoal, presinto que o que podía estar pasando é unha evolución lóxica: como a muller se incorporou ao mercado de traballo máis tarde que o home, o emprendemento segue o mesmo camiño, cunha incorporación posterior do sector feminino. Por suposto que hai excepcións, pero as mulleres fomos as que tardamos máis en entender que non necesitamos a ninguén para emprender o noso propio proxecto.
Por iso é importante o noso traballo en Exeuctivas de Galicia, para visibilizar á muller en postos directivos.
Este mesmo informe nos indica que na actualidade, o 45% dos emprendedores españois son mulleres. Seguindo esta tendencia, poderiamos dicir que o futuro do emprendemento é feminino?
No meu traballo rodéome cada día de mulleres moi válidas, pero penso que o futuro do emprendemento será mixto. O que de verdade precisamos no mercado laboral é que as mulleres poidan ascender e teñan un soldo ligado á súa valía profesional, sen importar o seu sexo.
En canto ao futuro, dependerá de como avance o noso país. Pero o que si poido dicir é que o feito de emprender unha empresa, no meu caso, permíteme deixar unha marxe de tempo para conciliar. Poder organizar a miña axenda permíteme compaxinar mellor a miña vida privada e laboral, e iso non me fai menos responsable no meu traballo. Simplemente dáme a oportunidade de satisfacer as miñas necesidades profesionais e persoais ao mesmo tempo.