Hoxe falamos con África González Fernández, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e actualmente directora do Centro de Investigacións Biomédicas e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.
África tamén é parte do listado de Referentes Galegas, co que Executivas de Galicia está a dar visibilidade ao talento da nosa comunidade. Nesta entrevista cóntanos como foi a súa experiencia no mundo científico e que opina sobre a situación das mulleres na medicina e a investigación.
Incorporouse hai máis de vinte anos á Universidade de Vigo para iniciar unha nova área en Inmunoloxía. Cales foron as dificultades? Cre que algunha delas se acentuou polo feito de ser muller?
As principais dificultades foron ter que crear unha nova área de Inmunoloxía sen dotación económica así como comezar un grupo de investigación de cero. O problema principal foi non ter diñeiro, e solicitei un proxecto europeo que me permitiu comezar a dotar o laboratorio, poder iniciar a liña de investigación e supervisar a estudantes.
Eu tiven dous fillos e, durante o tempo da maternidade, diminúe a dedicación á investigación en todos os aspectos: obtención de proxectos, artigos, supervisión de estudantes, inicio de novas liñas de investigación... Tiven moito apoio na casa neste aspecto y por tanto intentei que afectara o menos posible á miña vida investigadora.
O feito de ser funcionaria fixo que non sentise ningunha diferenza con respecto aos homes desde o punto de vista do traballo diario na universidade. Neste aspecto non atopei ningunha dificultade polo feito de ser muller.
Tamén é unha das co-promotoras de Nanoinmunotech, empresa pioneira no sector da nanobiotecnoloxía. Como se ve o emprendemento desde a perspectiva dunha muller exitosa no mundo da investigación?
A creación dunha empresa de base tecnolóxica en España é moi complexa, xa que require dun gran nivel de financiamento estable. Pero estamos orgullosos os cinco promotores, xa que este ano cumprimos 10 anos.
En rondas de busca de capital si que atopei problemas. Non consideraban que unha empresa xurdida da universidade, dunha catedrática, puidese ter moito éxito. Pero non tiven ningún problema co resto de promotores polo feito de ser muller.
Fun tamén nominada ao Premio Woman Innovator 2017 da Unión Europea e, aínda que finalmente o premio non o conseguín, foi unha bonita experiencia compartida con outras nove candidatas de toda Europa.
Como definiría a situación actual das mulleres dentro do sector da medicina e a investigación científica? Canto nos queda para acadar unha igualdade real?
Hai moitas mulleres no ámbito da saúde. Algunhas delas están realizando o doutoramento, e tamén hai investigadoras postdoutorais, pero son moitas menos as que acceden a postos estables e hai moitas menos directoras de centros de investigación ou reitoras. E isto non ocorre só en España.
Négome a crer que teñamos un teito, pero dalgunha maneira está sendo moi difícil cambiar esta situación de menores cargos de responsabilidade por parte das mulleres.
Segundo os datos do Instituto de Estatística da UNESCO, só o 28% dos postos de investigación a nivel mundial son ocupados por mulleres. Que cre que é o que frea ao sector feminino para dedicarse a este mundo?
Queda moito para un 50% nos postos altos das escalas. Hai distintos factores que poden afectar para isto: mulleres menos competitivas, medo ao fracaso, máis exposición ás críticas ou o feito de antepoñer a situación familiar e persoal. Tamén inflúe a sensación de non valer o suficiente, pero de ningún modo por menor valía das mulleres. Case todo o meu grupo de investigación son mulleres cunha grande capacidade de traballo, visión crítica e intelixencia, que se queren, teñen todo o mundo por diante. Pero algunhas deciden non continuar na investigación pola incerteza laboral ou porque non lles compensa o esforzo.
A investigación é moi vocacional, require moita dedicación de horas, esforzo mental e viaxes, así como ter un alto grao de control de que as cousas non sempre saen como un quere. Hai que aceptar as frustracións por non ter resultados, o estrés continuo na busca de financiamento, os contratos que dependen dun financiamento non estable... Hai un problema moi importante no noso país coa investigación e é que ademais da baixa inversión, nunca sabes cando vai vir o financiamento. Ás veces o difícil non é conseguir o diñeiro, senón gastalo. Cada vez as trabas burocráticas e de xestión son máis altas, e moitos investigadores e investigadoras desisten con este sistema.
Por último, e con perspectivas de mudar a situación no futuro, cales son os valores que debemos inculcar ás nenas e adolescentes para que queiran dedicarse á investigación científica?
O mellor é educar no esforzo, saber que todo custa se queremos conseguir algo. Así faremos adultos máis fortes, con metas definidas, capacidade de superación e con ganas de coñecer máis a nosa contorna. A investigación científica pódese facer en calquera ámbito, pero ten que ser veraz, honesta e de calidade.
Hai que potenciar a creatividade e a responsabilidade, que van ser as bases dunha persoa boa cientifica Tamén facer que sexan curiosas, honestas e que queiran cambiar o mundo. Pero sen dúbida, o mellor que podemos facer é establecer unhas políticas de ciencia que se manteñan no tempo, cunha clara carreira científica para as persoas que se adiquen á investigación coa creación de postos estables, un financiamento axeitado e o apoio de toda a sociedade.
O exemplo que as nenas ven na casa, na televisión e na escola é moi importante. Debemos educar na igualdade e na independencia mental e económica. Precisamos tamén máis ciencia nos medios de comunicación, máis referentes científicos femininos nos libros de texto e máis mulleres nos postos directivos.
Por último, preocúpame que esteamos agora retrocedendo en moitos aspectos que xa se conseguiran. Teño a esperanza de que nun futuro próximo falemos de persoas, independentemente de que sexan mulleres ou homes. Será entón cando logremos a verdadeira igualdade.