Forética presenta 50 solucións empresariais ao reto do Futuro do Traballo

Forética presenta 50 solucións empresariais ao reto do Futuro do Traballo

Imprimir Email
(0 votos)
  • Presentáronse as iniciativas seleccionadas no marco da campaña europea 2018-2019 de Enterprise 2020. Futuro do Traballo.
  • A Xunta de Galicia amosou o seu apoio institucional a este proxecto a través da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Forética, a asociación de empresas e organizacións líder en responsabilidade social empresarial, vén de presentar os resultados da súa campaña Enterprise 2020, para o fomento do emprego e a empregabilidade da mocidade e o impulso da transformación tecnolóxica desde a óptica da sustentabilidade e a responsabilidade social. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, foi unha das entidades que amosou o seu apoio a este proxecto, dentro do seu compromiso co emprego de calidade da xente nova, así como coa responsabilidade social e a sustentabilidade. 

En total foron recollidas 53 iniciativas empresariais, que supoñen a creación de máis de 22.500 postos de traballo, e que dan resposta aos retos que do futuro do traballo a través da aplicación das últimas tecnoloxías para maximizar o impacto positivo na sociedade e na contorna, ademais do impulso do emprego e a empregabilidade.

Desde Forética tamén se fixo chegar á Directora Xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das Empresas as propostas para un Plan Nacional Educación-Empresa, un documento elaborado por Forética xunto cun grupo multidisciplinar de expertos, dispoñible nesta ligazón.

Retos e oportunidades no futuro do traballo

Esta xornada contou coa presenza de María Coutinho Villanueva, Subdirectora Xeral de Relacións Laborais, que participou na exposición das principais tendencias que marcarán o futuro do traballo e como poden colaborar as empresas, as administracións públicas e as entidades educativas para o fomento do emprego da mocidade, un debate co obxectivo de profundar nas claves do futuro do traballo.

Da man de expertos, representantes empresariais e membros da administración pública, tratouse tamén o tema da colaboración como clave para facer fronte aos desafíos que levan implícitos a transformación tecnolóxica e o impulso da empregabilidade e o emprego xuvenil. 

Así mesmo, analizouse como as tecnoloxía blockchain, a intelixencia artificial ou a ciberseguridade se están a converter en ferramentas aliadas para as empresas na maximización do impacto positivo na sociedade e a contorna. 

Enterprise 2020

Enterprise 2020 é a única iniciativa de liderado empresarial recoñecida na Estratexia 2011-2014 de RSE da Comisión Europea debido ao seu potencial de impacto. Foi lanzada pola rede europea CSR Europe en 2010 e ten como obxectivo axudar ás empresas a acadar durante a próxima década unha competitividade sustentable, fomentar unha intensa colaboración entre as empresas e os seus grupos de interese e reforzar o liderado de Europa en materia de RSE. Este proxecto supón, ademais, unha contribución ao ODS número 8: Traballo decente e crecemento económico.

Enterprise 2020 conta co apoio da Xunta de Galicia, así como outros dez gobernos autonómicos españois e o cabido de Tenerife.

Podes consultar o listado de iniciativas seleccionadas en Enterprise 2020 nesta ligazón.