Segundo as previsións da Unión Europea, no ano 2020 haberá arredor de 900.000 postos de traballo vacantes relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación e a informática. Este é un dos sectores que padece unha acusada fenda de xénero, cunha porcentaxe moi baixa de mulleres que decide cursar carreiras STEM (as siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), o que se traduce nunha escasa representación feminina nas empresas do sector. Pero, onde está o problema? Que é o que frea ás mulleres ante a elección dun futuro laboral relacionado coa tecnoloxía?
Para tratar este tema contamos con María Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, persoal do CITIC e presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial. É tamén unha das representantes de Referentes Galegas, un proxecto de Executivas de Galicia para dar visibilidade ao talento feminino da nosa comunidade.
Coa súa experiencia como docente na Facultade de Informática, tanto no Grao en Enxeñería Informática como nos másteres, que podería dicirnos da situación actual nas aulas? Existe unha maior representación feminina que hai, por exemplo, dez anos, ou retrocedemos neste aspecto?
Nos últimos anos subiu o número de alumnos que elixe a Grao en Informática como primeira opción, subindo a nota de corte do grao. En canto á presenza feminina, o certo é que a nivel nacional non paramos de retroceder nos últimos anos. Segundo o informe “Evolución de la matrícula femenina en el grado de Informática en universidades públicas españolas”, de Juan Julián Merelo, o descenso no número de mulleres nun grao que case garante o pleno emprego, non deixou de baixar dende hai case tres décadas, xa que no curso 1985/86 estaba arredor do 30%, e na actualidade está arredor do 10-12% na maioría das universidades españolas. Segundo os últimos datos de Informática no noso país, no curso 2017-2018 o número total de matriculados era de 36.174, con só 4.419 mulleres, un 12,21%. Na Facultade de Informática da UDC estamos por riba da media. Por exemplo, neste curso 2018/19 a proporción de mulleres foi do 13,35%, cun total de 165 mulleres en 1.236 matriculados.
Un informe da UNESCO indica que só un 35% das mulleres elixen carreiras STEM. Cal cre que é a razón principal pola que existe esta fenda de xénero nas carreiras científicas?
O fenómeno é complexo, e parece que se debe a varias causas. O primeiro dos factores ten que ver coa educación estereotipada que reciben os nosos nenos e nenas na escola. Existen varios estudos que demostran que 9 de cada 10 nenas de entre 6 e 8 anos asocian a enxeñería con afinidades e destrezas tipicamente masculinas. Esta foi unha cifra realmente asombrosa para min, e claramente reveladora de que algo estamos a facer mal no ensino nestas etapas.
Pero isto non pasa só no ensino regrado, pasa tamén na educación familiar. Os tipos de xoguetes de nenas e nenos están cada vez máis diferenciados, existe unha xa histórica percepción sutil tecnofóbica asociada as mulleres, unha imaxe que persiste nos roles dos pais e as nais nos fogares, e que reforza unha imaxe de resistencia das mulleres ao uso das tecnoloxías, de modo que acabamos perpetuando unha distinción de roles masculinos e femininos que nada axuda.
Segundo outros estudos, arredor do 50% dos pais pensan que os nenos teñen mellores rendementos en Tecnoloxía e Informática que as nenas, a pesar de que máis do 70% deses pais apoiarían as súas fillas se elixisen STEM. Educamos na máxima de campións e princesas, os nenos toman riscos, as nenas deben ser perfectas, un estereotipo que salientan tamén os medios de comunicación, que poñen unha presión social alta en comportamento, estética e aspecto físico nas nosas nenas.
Ademais, faltan referentes femininas. Nun estudo da Universidade de Valencia estímase que só un 7% dos referentes nos libros de texto son mulleres, e a cifra baixa se nos centramos nos libros de STEM. E tamén faltan referentes femininas próximas, profesoras e profesionais que teñen éxito nas súas carreiras, e que teñen unha profesión STEM.
Finalmente, existe tamén un estereotipo negativo, especialmente asociado a informática, que se transmite como un profesional que é un home, peculiar en aspecto físico e comportamento, illado do mundo, e que se relaciona pouco. Non se corresponde coa realidade, a informática é unha disciplina transversal, os traballos adoitan ser en equipo, relacionámonos con persoal de outras disciplinas, e os desenvolvementos teñen gran potencial práctico, como podemos ver na vida diaria.
Todas estas razóns fan que soamente un 1% das rapazas estean interesadas nas TIC, mentres que no mesmo sector de idade, estano un 36% dos mozos.
Falando desta importante falta de referentes femininos no sector, como podemos avanzar para rematar coa invisibilidade das mulleres STEM?
Será un labor lento, pero o certo é que xa se está traballando neste sentido dende hai un tempo. Creo que por unha parte sería importante introducir unha materia de Pensamento Computacional xa nas primeiras etapas de Educación Infantil, así as nenas poderían acceder dende moito antes á disciplina, e saber se lles resulta atraente. Na casa deberíamos intentar que os roles tradicionais non se perpetúen, e educar na igualdade a nenas e nenos, procurando animar as nenas se se inclinan por elixir unha disciplina STEM. Os estudos indican que as nenas que son motivadas polos seus pais son dúas veces máis propensas a manterse en STEM. E en áreas como as Ciencias da Computación, de clara maioría masculina, os pais poden ter una influencia maior que as nais nas súas fillas.
Tamén teremos que proporcionar máis referentes femininos nos libros de texto, exemplos de profesionais mulleres en STEM próximas, o que vai necesitar un labor de visualización importante. Neste sentido si que existen actividades nas Universidades, pero creo que esta é unha labor que debe comezar moito antes, xa nas primeiras etapas na escola.
E como poden tanto centros educativos como empresas animar ás nenas e rapazas adolescentes a escoller un futuro laboral no sector tecnolóxico?
Como indiquei anteriormente, nos centros educativos coa visualización de referentes clásicas e tamén próximas. Un exemplo paradigmático é a informática, unha profesión na que existen bastantes referentes femininas que poderiamos chamar clásicas, como Frances Allen, a primeira muller Premio Turing, e un referente en procesado paralelo; Ada Lovelace, a primera programadora; Evelyn Berezin, pioneira dos procesadores de texto; Grace Hooper, que desenvolveu o primeiro compilador; Top Secret Rosies, as programadoras do primeiro ENIAC para o cálculo de disparos de proxectís na Segunda Guerra Mundial; Hedy Lamarr, precursora do wifi e do GPS...
E tamén mulleres españolas e galegas, como Ángela Ruiz Robles, mestra española e precursora do libro electrónico, ou Ana Mª Prieto, unha das primeiras programadoras en España. Somos un país onde existen referentes femininas actuais de primeira liña, e onde as mulleres dirixen compañías como Google, Microsoft, IBM, Hewlett Packard, Twitter ou Facebook, pero se lle preguntamos a calquera rapaz ou rapaza sobre figuras importantes en informática, probablemente non dirá nada destas persoas que acabo de nomear. Debemos procurar dar máis visibilidade as mulleres, por suposto sen esquecer aos homes.
Creo que as empresas son conscientes de que están accedendo só á metade do talento dispoñible, e por tanto, están facendo políticas de recrutamento que evitan a discriminación e favorecen a equidade de xénero, o que as beneficia para conseguir mellores equipos e con mellor funcionamento. En xeral, búscase fomentar a diversidade, para ter equipos máis creativos, mellores resultados e máis proxectos, e iso conséguese apoiando políticas de flexibilidade no traballo, por exemplo mediante implantación de traballo por obxectivos e non por horarios, posibilitando o traballo a distancia, igualando e aumentando as baixas de maternidade e paternidade...
Por último, canto camiño queda por percorrer para acadar a igualdade no sector STEM? Cre que será máis complicado que noutros sectores?
Eu creo que aínda tardaremos, pero coma sempre, o primeiro e recoñecer que temos un problema e dar os pasos para solucionalo. E niso estamos. Faltan algunhas cousas básicas de educación na escola e na casa, que tamén son importantes, en especial nunha sociedade que fai nada era tan patriarcal coma a sociedade española. Eses pasos temos que dalos, para poder introducir esas materias xa na Educación Infantil, e para facer cambios nas políticas de contratación, ou na igualdade das baixas por maternidade e paternidade.
En cando a se será máis difícil, seguramente si, xa que partimos dunha base de clara desigualdade que vai ser difícil de nivelar. Se só temos un 13% de mulleres que estudan Informática, por exemplo, evidentemente imos tardar máis en lograr a paridade. Outras disciplinas científicas téñeno un pouco más fácil, pero debemos transmitir a idea de que é imprescindible a igualdade para crecer como sociedade. E que as tecnoloxías STEM son o futuro, un futuro no que as mulleres queremos estar, opinar e participar.