A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer a nova Estratexia de responsabilidade social empresarial ata 2021, unha folla de ruta que impulsará un total de 30 medidas que construirán unha comunidade máis igualitaria, responsable e competitiva. En palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esta institución "ten que ser a primeira en dar exemplo".
A citada estratexia estruturarase en tres eixos (empresas con valores, administración con valores e sociedade con valores) e incluirá os seguintes obxectivos:
- Incrementar un 15% o nivel de coñecemento da RSE
- Aumentar un 65% o número de firmas cun alto grao de implantación da RSE
- Incrementar un 25% os plans de igualdade
- Reducir un 25% a fenda dixital
- Aumentar un 15% a oferta de contratos públicos que inclúan cláusulas sociais
Este plan contará cun orzamento total de 50 millóns de euros, que serán empregados para cuestións como o fomento dos compromisos económicos, ambientais e sociais; a promoción de comportamentos responsables de forma voluntaria, indo máis alá da lexislación vixente; integrar condutas responsables nas empresas e favorecer un diálogo aberto e transparente cos grupos de referentes nesta materia.
Toda a información referente á nova Estratexia galega de responsabilidade social empresarial será publicada na nosa web rse.xunta.gal.