A Lei 11/2018 de información non financeira e diversidade, recentemente publicada no Boletín Oficial do Estado, introduce unha serie de cambios relativos á divulgación deste tipo de información relacionada coa responsabilidade social empresarial, a cal contribúe a medir e supervisar o rendemento das empresas, así como o seu impacto na sociedade.
Esta norma é máis esixente que a regulación anterior, posto que amplía as sociedades obrigadas a presenta o Estado de Información Non Financeira, así como os contidos que debe incorporar o citado informe. Ademais, indica novos requirimentos tanto de verificación como de divulgación. Con isto, búscase unha transición cara a unha economía más sustentable, que ademais de rendibilidade, estea caracterizada pola xustiza social e o coidado do medio ambiente.
Que sociedades están obrigadas
Ata a chegada da nova lei, a obriga de presentar esta información reducíase unicamente ás entidades de interese público que cumprisen cunha serie de requisitos. Así, agora deberán realizar o informe todas aquelas empresas que se atopen nas seguintes situacións:
- Que o seu número medio de traballadores empregados durante o exercicio sexa superior a 500 e que teñan a consideración de entidade de interese público.
- Que o seu número medio de traballadores empregados durante o exercicio sexa superior a 500 e que reúnan, na data de peche de cada un deles, polo menos dúas das seguintes circunstancias:
· Que o total das partidas do activo consolidado sexa superior a 20.000.000 de euros.
· Que o importe neto da cifra anual de negocios consolidada supere os 40.000.000 de euros.
· Que o número medio de traballadores empregados durante o exercicio sexa superior a 250.
Ademais, unha vez transcorridos tres anos da entrada en vigor da lei, esta ampliará o seu alcance a aquelas empresas con máis de 250 traballadores que cumpran os requisitos anteriormente mencionados.
Que debe incluír o Estado de Información Non Financeira
Este documento deberá recoller a información necesaria para comprender cal é a situación das empresas e o impacto da súa actividade, cando menos no referente ás seguintes cuestións:
- Información medioambiental: inclúe, entre outras, cuestións relativas á contaminación, ao uso sustentable dos recursos ou á economía circular e a xestión dos residuos.
- Información sobre cuestións sociais e relativas ao persoal: trataranse neste apartado temas como o emprego, a organización do traballo, a saúde e a seguridade na empresa e as relacións sociais, así como o referente á formación dos traballadores, a accesibilidade universal das persoas con discapacidade e a igualdade entre mulleres e homes.
- Información sobre o respecto dos Dereitos Humanos, como pode ser a eliminación da discriminación ou a prevención da súa vulneración.
- Medidas relativas á loita contra a corrupción e o suborno.
- Información sobre a sociedade, a cal fai referencia á súa información fiscal, aos datos relacionados coa subcontratación e os provedores e aos compromisos da empresa co desenvolvemento sustentable, entre outros aspectos.
Así mesmo, poderá incluírse calquera outra información que se considere significativa.
Verificación e divulgación
Dende agora será obrigatorio que a información incluída no Estado de Información Non Financeira sexa verificada por un prestador independente de servizos de verificación, así como que a información se poña a disposición do público de forma gratuíta e sexa facilmente accesible no sitio web da sociedade dentro dos seis meses posteriores á data de finalización do ano financeiro.
Por que é importante esta lei
É certo que, hoxe en día, a responsabilidade é unha tendencia á alza e cada vez máis empresas comprenden o seu valor e comunican a súa información non financeira, para amosar os seus valores á sociedade, sendo conscientes de que a responsabilidade é unha vantaxe competitiva.
O feito de que se amplíe a cantidade de compañías que están obrigadas a presentar e divulgar a súa información non financeira é unha grande oportunidade para concienciar a todo o tecido empresarial de por que é importante facelo. Sen dúbida, esta norma supón un avance importante na responsabilidade social e nos impulsará cara unha completa transparencia e sustentabilidade.