"Coñecer todas as áreas da RSE é fundamental para establecer unha estratexia global e duradeira"

"Coñecer todas as áreas da RSE é fundamental para establecer unha estratexia global e duradeira"

Imprimir Email
(0 votos)

A actividade de Alibos Galicia está baseada no aproveitamento dos produtos silvestres da zona de Monterroso, onde se atopa a súa fábrica. É unha peme comprometida coa calidade e o desenvolvemento sustentable, do que dan conta as súas certificacións e os proxectos nos que participa. Falamos con Rocío Freire Rodríguez, responsable do departamento de calidade. 

Como definen a responsabilidade social desde Alibos?

Para Alibos a RSE é o xeito de darlle forma e visibilidade a unha visión de negocio que acompaña á empresa desde a súa fundación hai 50 anos, e que se fundamenta no compromiso co medio ambiente, coa sustentabilidade do medio rural no que nos situamos e no interior da provincia de Lugo. Tamén coa excelencia na calidade dos nosos produtos e servizos, coa aposta pola investigación e a innovación e co recoñecemento dos intereses dos nosos provedores e a sociedade en xeral, fomentando e apoiando a formación, o deporte e medidas de conservación medioambiental. 

Están certificados polos estándares IFS Food e BRC Global Standard for Food Safety, ademais de que a elaboración dos seus produtos está amparada pola certificación IXP Castaña de Galicia. Que supón para a empresa contar con estas certificacións?

Comezamos a certificarnos nos estándares máis esixentes na xestión da calidade e a seguridade alimentaria no ano 2005, cando aínda eran poucas as empresas en Galicia certificadas nestes estándares e como resposta ás esixencias dos nosos clientes, que son industrias provedoras dos maiores grupos de distribución alimentaria de Europa. Hoxe en día estas certificacións permítennos seguir medrando e comercializar en novos mercados nos que a garantía de calidade e seguridade alimentaria é fundamental. Tamén contamos coa certificación de produción e elaboración ecolóxica, sector que hoxe supón aproximadamente un 10% da nosa facturación anual. 

Dende hai anos levan a cabo o Proxecto Soutos, para a promoción e o desenvolvemento sustentable dos soutos de castiñeiros na comunidade. Como xurdiu este programa? Que resultados están acadando?

O Proxecto Soutos xurdiu da necesidade crecente de materia prima que estabamos a notar no mercado, con soutos cada vez máis envellecidos e abandonados e a pouca profesionalidade d sector produtor da castaña. Fomos conscientes de que a revitalización do monte galego dependía tamén de empresas coma a nosa e por iso nos implicamos neste modelo de proxecto, no que plantamos máis de duascentas hectáreas de castiñeiros e recuperamos oitenta hectáreas de soutos abandonados. Actualmente continuamos apostando por esta liña de negocio na nosa empresa, cunha área dedicada á produción de planta, ao asesoramento para realizar novas plantacións e á oferta de todo tipo de servizos agrícolas relacionados co souto.  

Pasemos ao programa Responsabilízate. Cales foron as súas razóns para participar no programa?

Considerabamos que na filosofía de negocio da empresa xa estaban presentes moitas das áreas da responsabilidade social empresarial pero requirían darlles forma, así como ordenar e trasladar ao noso controno todas esas actividades. Ademais, coñecer todas as áreas da RSE, formar aos nosos empregados e implicar a toda a estrutura da empresa era fundamental para establecer unha estratexia global e duradeira. O programa Responsabilízate aportounos formación e ferramentas básicas para definir as iniciativas en curso e poñer en marcha novas actividades responsables, conseguindo establecer un compromiso total da empresa coa RSE.  

Gustaríalles destacar algún aspecto do seu paso pola primeira edición?

A atención personalizada por parte dos técnicos, a asesoría presencial e os cursos de formación foron de gran calidade e estaban totalmente adaptados para permitir a conciliación do traballo diario coa implantación da RSE. 

Que cambios se produciron na empresa tras Responsabilízate?

Definíronse aspectos básicos que nos permitirán elaborar unha futura memoria de RSE na empresa e iniciáronse novas actividades responsables, sobre todo tralo recoñecemento dos intereses de públicos como os nosos provedores e o ámbito social no que traballamos.  

Por último, recomendarían a outras empresas a participación en Responsabilízate? Por que?

Recomendamos que todas as empresas, incluso as moi pequenas, se formen e inicien un plan de RSE adaptado ao seu sector e ás súas circunstancias. Unha empresa comprometida e consciente coa sociedade, coa mellora continua e coa sustentabilidade medioambiental e económica pode incrementar a súa competitividade coa xeración de confianza como base do seu negocio. O programa Responsabilízate é unha ferramenta moi útil e gratuíta para a consecución destes obxectivos. 

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Alibos Galicia
  • Provincia: Lugo
  • Sector: Fabricantes de conservas vexetais
  • Número de traballadores: máis de 40.
  • Obxectivo con Responsabilízate: A elaboración e o desenvolvemento dun plan de acción que permitise á empresa identificar os obxectivos a alcanzar, coñecer e desenvolver as accións asociadas ao cumprimento dos obxectivos do mesmo, coordinar os recursos de forma eficiente e eficaz para a xestión das accións e implantar un sistema de seguimento e control da execución do Plan de Acción en RSE. 
  • Valoración do programa: Moi boa.