Na actualidade existe un maior control financeiro dos clubs de fútbol europeos e españois para sanear as contas destes pero tamén pola importancia económica e social da súa actividade. Desde o momento en que o actual Consello de Administración colleu as rendas do R.C. Deportivo de La Coruña, a RSE forma parte da xestión. Falamos con Martín Pita, conselleiro responsable da área social.
Das empresas distinguidas nos Premios RSE Galicia, o R.C. Deportivo é quizais a máis distinta porque pensamos só no equipo de fútbol. Como valora que se premie o bo facer da xestión?
É un recoñecemento a un labor que vimos realizando desde hai case 4 anos cando o actual Consello de Administración presidido por Tino Fernández se incorporou á xestión do club. Desde o principio, xa no programa inicial deste mandato, o presidente deixou moi claro que a responsabilidade social e os traballos de repercusión social do Deportivo tiñan que ser un eixo importante no noso traballo, conxuntamente con outros traballos de cara ao interior, como son as prácticas de bo goberno, transparencia, etc.
O galardón outórgase, entre outros motivos, por contar cun código ético e de boas prácticas. Que establece este?
O código ético foi asinado primeiro polos membros do Consello de Administración e logo polos traballadores e equipo directivo. O código ético do R.C. Deportivo baséase en moitos principios: ética, transparencia, bo goberno, xogo limpo... En fin, todos os principios sobre os que un código ético ten que estar baseado. A partir de aí desenvolvemos un traballo importante dun programa de cumprimento normativo que pasou xa unha auditoría da LFP con éxito rotundo. Estamos mellorando permanentemente cuns protocolos de actuación para minimizar riscos de cara a calquera cousa que poida acontecer no desenvolvemento da nosa actividade como club de fútbol e SAD.
Unha política de transparencia 100% implantada. Que vantaxes perciben con respecto aos grupos de interese?
Temos unhas canles de comunicación permanentes cos nosos grupos de interese. A verdade é que temos un retorno positivo. Cada vez temos máis relación con eles, detectamos máis inquietudes, máis cousas que podemos facer, máis traballos que podemos realizar. Estamos facendo proxectos con ONG como a iniciativa bancada solidaria, traballos na área de educación nos colexios con "Os nosos valores". Enchemos páxinas e minutos nos medios de comunicación polo que podemos ser exemplo en RSE e que se incorpore máis xente.
Falamos dunha actividade que "move" unha grande cantidade de diñeiro. A través de que políticas de RSE lle pode devolver á sociedade parte do que esta lle dá?
O fútbol xa está incorporado ás prácticas empresariais con máis éxito que están dando bo resultado tanto no ámbito de xestión como social. A RSE non ía ser menos. Nese sentido a Liga tamén está traballando para que os clubs incorporen programas de RS na súa xestión. Nós usamos ese ecosistema que xa estaba formado e utilizamos a potencia que ten o fútbol para vincular accións en positivo.