"O traballo que facemos para promover os selos FSC® e PEFC é continuo e queremos medrar nesa área"

"O traballo que facemos para promover os selos FSC® e PEFC é continuo e queremos medrar nesa área"

Imprimir Email
(0 votos)

Reclam é unha axencia de publicidade disposta sempre a mellorar. Tamén no eido da RSE, onde se involucra desde 2013 nas distintas iniciativas que pon en marcha a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia. Agora participa en Responsabilízate, un programa que lle está servindo para entender a importancia de implicar ao persoal na política de responsabilidade social. Reclam destaca sobre todo polo seu traballo na consecución e promoción das certificacións FSC® e PEFC. De todo isto falamos co director da empresa, Domingo Torrón Alabau.

A relación de Reclam coa RSE non é nova, pois xa participaron no programa de RSE Xunta de Galicia onde foron tutelados por unha das empresas do Grupo de Representación Empresarial Galego en materia de RSE (GREG). Para que lles serviu esta experiencia?

Efectivamente, Reclam leva traballando a súa RSE desde o 2013. Primeiro co programa RSE da Xunta tutelados por Vegalsa, que ten unha política de RSE moi traballada e que forma parte do ADN e do coñecemento da compañía. A continuación, un pouco por libre, comezamos a darlle forma aos documentos nos que reflectimos o noso xeito de pensar e de actuar. Hai prácticas que, por sentido común, facemos de sempre e nunca o formalizaramos, mentres que outras xorden como idea pero non as poñíamos en práctica e, a raíz de escribilas, comezamos a aplicalas. Por exemplo, foi no momento en que comezamos a redactar os nosos principios éticos cando nos demos conta de todo o que abrangue o concepto de RSE e que son cousas incluso cotiás para nós: o cumprimento da legalidade ou o trato igualitario, promover o emprego indefinido e estable, traballar con provedores locais ou procurar a satisfacción dos nosos clientes cun asesoramento obxectivo. E por outra parte, a incursión na RSE tamén nos fixo pensar noutras prácticas que non realizabamos e que agora temos xa implantadas na compañía: medidas de flexibilidade horaria, reemprego e reciclaxe de papel, ou comunicar os resultados da compañía ás persoas coas que traballamos. O noso obxectivo é seguir ampliando o abano de medidas implantadas, fixándonos anualmente unhas metas a cumprir.

Agora están coa segunda fase de Responsabilízate. Que aspectos a maiores están aprendendo?

Estamos aprendendo a valorar e medir a implantación de distintas accións e cambios, tratando de facer algo menos formal pero máis práctico. Pero, sobre todo, estamos aprendendo a importancia de implicar á xente para participar e a relevancia da boa comunicación do que facemos para que todos o entendan.

Entre outros recursos, unha axencia de publicidade ten un importante gasto de papel. A súa empresa está certificada cos selos FSC® e PEFC, mostrando o seu compromiso coa xestión forestal responsable. Como foi o proceso e que medidas implica?

Hai moito consumo interno de papel e para iso puxemos en marcha varias accións, moi sinxelas pero con bos resultados. No que respecta aos selos FSC® e PEFC, o noso obxectivo transcende o propio consumo da axencia. Facemos de “promotores” e embaixadores do consumo do papel que teña estas certificacións, garantindo aos nosos clientes que o material empregado provén de bosques xestionados de xeito sostible. O proceso, como calquera certificación, foi laborioso e implicou cambios, pero é o necesario se queremos conseguir o mellor. Para facer cambios e influír no contorno, temos que comezar facendo cambios nós. A implantación dos selos obríganos a ser moi meticulosos cando contratamos a impresión de calquera traballo en papel: cubrir unha serie de rexistros, documentar dun xeito específico as compras e as vendas, cumprir os requisitos no uso dos logos… Ademais, como calquera certificación, estamos suxeitos a auditorías anuais que garanten o noso bo facer. Conseguimos ser a primeira axencia certificada en FSC® e PEFC.

Contan con outras accións no eido ambiental?

O traballo que facemos para promover e dar a coñecer os selos FSC® e PEFC é continuo e queremos medrar nesa área. Tamén estamos a elaborar o plan de accións no que respecta ao consumo de luz e de consumibles como botellas de auga nas nosas instalacións. Somos unha peme e, como tal, os pequenos xestos contan moito. Temos en mente facer unha plantación de árbores como xesto de repulsa dos incendios de outubro en Galicia e Portugal, aínda que tamén pensamos que o verdadeiro esforzo ten que facerse coa concienciación polo coidado dos montes e o valor que realmente teñen. Como escribiu Castelao: “Vale más una tierra con árboles en los montes que un estado con oro en los bancos”.

Tamén traballan con empresas socialmente responsables. Como fan ese control de provedores?

Reclam ten un modelo de negocio customer centric, polo que a busca de provedores é constante para satisfacer as necesidades dos nosos clientes. Prezo, calidade no produto ou servizo e capacidade de resposta son os criterios principais de selección, pero sempre buscando empresas locais. O noso compromiso cos selos FSC® e PEFC é tamén un xeito de colaborar con empresas socialmente responsables. Formamos parte dunha cadea de custodia na que todos os compoñentes están comprometidos co uso sostible dos bosques. Ao traballar con empresas que pertencen a esa cadea sabemos que o seu traballo e o noso ten un impacto positivo na sociedade.

Cando comezamos a traballar cun provedor buscamos un socio, un colaborador, máis ca un mero provedor. Principalmente porque cremos que as mellores relacións comerciais son as que perduran no tempo. Así é como se consegue un crecemento paulatino, se aprende e se mellora: colaborando xuntos e buscando o beneficio mutuo. Os 77 anos que ten esta empresa creo que nos abalan nesta política. No pasado traballamos con moitos provedores cos que non encaixabamos porque a visión do negocio chocaba coa nosa e iso é insostible.

En canto a RSE interna, cal é a filosofía de Reclam?

A filosofía de Reclam sempre foi a de pensar dun xeito diferente. É así no noso negocio e será así en todo o que fagamos en materia de RSE. Para facer cambios, como na publicidade, todo parte dunha idea. E o importante das ideas non é telas (que tamén), é poñelas en práctica. Para ser, primeiro hai que crer e logo facer. Non sei se a orde inflúe, pero hai que pasar por cada paso. A nosa filosofía é a do cambio, sempre para mellorar. A outra pata da nosa filosofía é a responsabilidade. Cando fas cousas e tomas decisións, pódeste equivocar (tamén somos moi transparentes, polo que si, equivocámonos ás veces). E se non fas nada, esa é a primeira equivocación, claro. 

En resumo, o que máis transcende da nosa filosofía é a consciencia individual do que facemos (e do que non) e como inflúe no noso contorno, así como a responsabilidade que implica ser conscientes das cousas que facemos. Todos podemos cambiar as cousas. O problema é cando agardamos que sexan os demais os que cambian e cando cremos que as cousas veñen dadas. Non! Cada quen é responsable do seu e contribúe á sociedade dun xeito. O culpable diso é un mesmo. É un erro buscar culpables nos demais.

Sen dúbida é moi importante a implicación individual. Para finalizar, xa saben cales serán as liñas principais do plan de acción RSE resultado de Responsabilízate?

Si. Traballamos no que respecta ao medio ambiente, ao ámbito económico puro do negocio da axencia e no social, implicando e implicándonos coas persoas coas que traballamos ou coas que podemos colaborar. A comezos de 2018 publicaremos na nosa web esta política de RSE.

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Reclam Publicidad & Marketing
  • Sector: Publicidade
  • Número de traballadores: 26
  • Obxectivo de Responsabilízate: Dar forma a un xeito de pensar e traballar baseado na sostibilidade, a transparencia e a calidade.
  • Valoración do programa: Práctico, moi necesario e de grande axuda.