"Co apoio de Responsabilízate queremos afianzar o noso plan de RSE"

"Co apoio de Responsabilízate queremos afianzar o noso plan de RSE"

Imprimir Email
(0 votos)

A Fundación Nortempo impulsa a política de RSE de Nor'Integra. Esta empresa participa en Responsabilízate para afianzar as accións de responsabilidade social que xa levan a cabo e fan un balance moi positivo do programa da Xunta de Galicia. Coñecemos máis sobre o seu labor fomentando a empregabilidade das persoas en risco de exclusión grazas a Sandra Pereira, responsable de Nor'Integra.

Como proxecto social da Fundación Nortempo crearon en 2013 o centro especial de emprego Nor'Integra. A RSE xa se lle supón a dita actividade. É así?

Desde logo. A través de Nor’Integra contribuímos a mellorar as políticas de empregabilidade das empresas, fomentando co noso labor a capacitación e inserción no mercado laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estas accións, por tanto, enmárcanse dentro das nosas medidas de RSE de Nortempo, que sempre foron a base da nosa compañía porque, sen dúbida, cremos que temos un compromiso coa sociedade. 

Que vantaxes ofrece para as empresas traballar cun centro especial de emprego?

Son múltiples, porque desde Nor’Integra apostamos pola formación específica dos profesionais e actuamos de mediadores coas empresas para facilitar a inserción laboral de colectivos en risco de exclusión. Aplicamos estratexias de desenvolvemento e formación de profesionais, polo que sempre contamos con persoal cualificado para o desempeño de cada traballo, e facilitámoslles ás empresas con 50 ou máis empregados o cumprimento da cota de reserva do 2% a favor de traballadores con discapacidade establecida pola Lei Xeral de Discapacidade (LGD). Se a empresa non alcanza os 50 empregados, axudámoslle a desenvolver a súa responsabilidade social corporativa.

Traballan con empresas galegas no eido da inserción laboral. Como valoran a inserción do colectivo das persoas con discapacidade no tecido empresarial galego?

Tentamos contribuír á mellora da inserción laboral en Galicia presentando os nosos servizos a empresas da comunidade e estamos a dar, sen dúbida, pasos moi importantes para lograr a inserción laboral real dos colectivos máis vulnerables, como son as persoas con discapacidade. Ademais, destacamos as nosas colaboracións con asociacións como Feafes Galicia e co Programa Incorpora de La Caixa.  

E outros colectivos en risco de exclusión social?

Desde a Fundación Nortempo, que impulsa a nosa política de RSE, empezamos as nosas actuacións en 2005 centrándonos na inserción laboral de persoas  que viñan doutros países, sobre todo de Latinoamérica, e colaboramos ademais con programas de axuda a vítimas de violencia de xénero. 

Volvendo á situación de Nor'Integra, cales son os eixos principais da súa política de responsabilidade social?

Consideramos que as medidas de RSE son claves nunha compañía e como sempre di o presidente da Fundación Nortempo, Bartolomé Pidal, son a chave do éxito empresarial, non un “complemento” máis. Desde o sector dos recursos humanos, debemos de cumprir coa función de xerar benestar e facilitar o acceso ao mercado laboral do maior número de persoas posibles, impulsando todo tipo de accións de mediación con empresas e alianzas con colectivos e asociacións. 

Ademais de ser intermediarios na procura de emprego para as persoas con diversidade funcional, levan a cabo outro tipo de accións sociais?

Si, impulsamos alianzas con colectivos de persoas en risco de exclusión, como o que mantemos coa Fundación Secretariado Gitano. Tamén impulsamos accións de "marketing con causa", como unha iniciativa moi bonita que facemos todos os anos para Nadal, con cestas responsables de Nor’Integra, ou patrocinamos probas deportivas ou iniciativas solidarias como a do equipo ciclista de Ponte1Reto. 

Están xa na segunda fase do programa Responsabilízate. Que pasos teñen dados?

Cremos que as bases do programa Responsabilízate xa estaban no noso ADN como empresa, pero sen dúbida reforzámolas. O obxectivo é facer de nós unha compañía máis xusta, comprometida e solidaria coa sociedade e a contorna e creo que o estamos logrando. En Nortempo temos un modelo de Responsabilidade 360º con orientación social, no que todos sumamos a partir dos nosos cinco valores: paixón, respecto, aprendizaxe, compromiso e orientación a resultados. 

Que aspectos queren potenciar coa participación en Responsabilízate?

Gustaríanos que a sociedade coñecese un pouco máis todo o que facemos para axudar á empregabilidade e inserción laboral de colectivos en risco de exclusión. Co apoio de Responsabilízate, queremos afianzar o noso plan de RSE, aprendendo doutras empresas galegas que participan neste programa da Xunta. 

Finalmente, a nivel persoal, e no caso de que poida comparar con outras experiencias laborais, supón unha maior satisfacción persoal traballar nunha empresa RSE?

Por suposto. Non hai nada máis gratificante nun posto de traballo que a orientación social para mellorar o benestar das persoas e desenvolverse profesionalmente nunha empresa que ten como filosofía a xestión responsable coa sociedade e a contorna. Con Nortempo, a través da miña actividade en Nor’Integra, téñoo máis ca acadado.  

Unha empresa Responsabilízate
  • Empresa: Nortempo España e Portugal
  • Sector: Recursos humanos
  • Número de traballadores: 200
  • Obxectivo de Responsabilízate: Visibilizar as nosas políticas en materia de RSE.
  • Valoración do programa: Moi satisfactorio.