"Se en algo podemos distinguirnos en Caeiro da competencia é nas persoas"

"Se en algo podemos distinguirnos en Caeiro da competencia é nas persoas"

Imprimir Email
(0 votos)

María Caeiro sabe moi ben o que é traballar nunha empresa dun sector tradicionalmente masculino. Quizais marcada pola súa experiencia, a conselleira delegada Grupo Caeiro, cre que a igualdade e a conciliación son inherentes á xestión do seu negocio.

Recentemente premiado no eido social e ambiental... algo están facendo ben en materia de RSE en Grupo Caeiro.
Para min é un recoñecemento que todas as miñas persoas se merecían, posto que levamos moitos anos facendo moitas cousas, non só boas para nós, que por suposto, senón tamén para a contorna.

Cales son as liñas estratéxicas da súa empresa en RSE?
Caeiro intenta sempre estar en paralelo á contorna social, no seu desenvolvemento, nas súas innovacións. Hai cousas que nos limitan pero é o que máis nos importa.

Para a súa empresa é moi importante o emprego de calidade e estable. Que vantaxes ten apostar por contratos indefinidos?
Considero que se unha persoa está contenta e segura do seu posto, traballa con moita máis confianza, máis feliz, ca se está pendente de renovar o contrato ou non. Máis do 90% do persoal é fixo. Sobre todo porque estamos en continua formación. E se estás gastando diñeiro, invístelo na túa empresa e non deixas que os teus talentos marchen.

En que consiste esa formación continua do 100% do persoal?
Hai unha formación que me preocupa moito que é a actitude. Se en algo podemos distinguirnos en Caeiro da competencia é nas persoas. Os coches hoxe en día case todos son iguais. Entón, como non nos diferenciemos co noso valor engadido de persoa, é moi difícil estar neste mundo tan competitivo. Co cal a formación xa non é técnica, é xeral, é emocional, é saber ter unha actitude positiva, levarte ben en equipo, xestionar conflitos, negociacións... todo o que nos leve a que a empresa teña un clima interno como o que temos.

No aspecto ambiental, que políticas de ecoeficiencia levan a cabo para reducir o impacto da actividade da empresa?
Todos os anos poñemos un obxectivo de medidas de ecoeficiencia. Estes obxectivos son auditados e analizados e ao final vemos as variacións. Onde imos peor, o obxectivo para o ano seguinte é poñerte onde tes que estar, e onde imos mellor seguimos sendo máis ambiciosos e superando o dito obxectivo.

Semella un reto para o sector do automóbil innovar para atopar solucións máis sostibles. Como traballan neste aspecto?
Evidentemente estamos vendendo coches eléctricos. Nós tamén andamos con coches eléctricos. Ademais, sempre estamos medindo a nosa propia contaminación nas instalacións. Todo o que poida chegar a contaminar está regulamentado, solucionado e con procedementos exhaustivos.