"Para nós é moi importante conseguir animais felices"

"Para nós é moi importante conseguir animais felices"

Imprimir Email
(0 votos)

Recoñecida nos Premios RSE Galicia 2016, Casa Grande de Xanceda adquire tres compromisos indisociables da súa actividade empresarial: o respecto ao medio ambiente, a procura do benestar animal e a loita pola supervivencia do rural. A empresa é un bo exemplo de asentamento da poboación no rural de Galicia, dando traballo a unhas 40 persoas de Mesía (A Coruña) e concellos limítrofes. Falamos con Guillermo Martínez, xerente; Jessica Rey, responsable de márketing; e Andrea Maseda, responsable de benestar animal e coordinadora de RSE.

A empresa nace cunha visión moi próxima á RSE: facer produtos ecolóxicos e sostibles co medio. Estamos no certo?

Guillermo Martínez: Creo que vai implícito a Casa Grande Xanceda o tema da responsabilidade social. Todas as persoas temos unha filosofía común relacionada co gusto pola natureza, polo benestar dos animais e das persoas.

E falando de persoas, como é a filosofía da empresa cara aos traballadores?

G.M.: As empresas fanas os traballadores. Facemos participar moito no día a día. Temos premios que damos unha vez ao mes. Uns chamámolos "Vaca e polo" e recoñecen o traballo dos compañeiros. Outro dos premios convida a propoñer iniciativas para mellorar o día a día na empresa. A xente participa e axuda. Estamos contentos co sistema de incentivar a participación.

Que liñas fundamentais forman parte da RSE interna?

Jessica Rey: Intentamos fomentar a boa comunicación entre os distintos equipos que formamos Casa Grande de Xanceda. Para iso facemos eventos de empresa que poden ser unha romaría ou a visita a outras industrias. Tamén temos unha "musletter" interna, como nós lle chamamos á newsletter, na que poñemos as novidades de cada departamento. A comunicación é tan importante que tamén facemos formacións para ter unha boa comunicación, con persoas especializadas que veñen a Xanceda a axudarnos a comunicarnos mellor entre nós, a xestionar o estrés... Todo axuda a ter unha mellor convivencia de equipo que é onde reside tamén a nosa filosofía: non só animais felices senón persoas felices.

Por outro lado, a formación é moi importante. Temos un cheque de formación e cada un escolle a que máis lle interesa, relacionada dalgunha forma co seu posto. Ademais, con "Vaia choio", imos ao posto dun compañeiro para ver a empresa desde outro punto de vista e coñecer o importante que é o noso traballo para os outros compañeiros. 

Tamén temos a política de contratación de calidade no que os contratos que se fan en Casa Grande de Xanceda son de longa duración, de calidade e normalmente con xente da contorna. A parte feminina gaña por goleada: o 70% do equipo somos mulleres! 

As empresas deben ter en conta os seus grupos de interese:  traballadores dos que xa falamos, clientes, provedores... En Casa Grande de Xanceda suman un fundamental: os animais. Como é o seu coidado?

Andrea Maseda: Para nós o principal son os animais. Queremos garantirlles o maior benestar posible e por iso tamén lle ofrecemos a maior liberdade. Por exemplo, as nosas vaquiñas están o maior tempo fóra, están pacendo libres, comendo o maior pasto verde, en lugar de estar nos cortes. Para nós é moi importante conseguir animais felices. 

Acompáñanos nesta entrevista unha cadeliña, Malibú, que representa o labor de divulgación que fan en tenencia responsable de mascotas. 

A.M.: Temos un programa de educación en tenencia responsable de animais. O ano pasado percorremos os colexios da comarca de Ordes educando aos máis pequenos en tenencia responsable para fomentar que nunca abandonen e que adopten os animais. Ademais, tamén puxemos no envoltorio dos iogures distintos animais que buscaban fogar, non só para buscarlles familia senón tamén para levar a mensaxe das adopcións a todos os fogares que compraban os nosos produtos. 

Este ano rebautizamos o proxecto e chámase "Educando con Malibú". Malibú apareceu abandonada nunha estrada preto da granxa e agora forma parte da nosa familia. É xa é profe! Vai ás charlas con nenos e nenas para axudarlles a ver que as segundas oportunidades son posibles, que nunca abandonen e que teñan unha tenencia responsable dos animais.

Un dos obxectivos da empresa é conservar a biodiversidade da contorna na que se instala. Que medidas levan a cabo?

G.M.: Neste momento estamos participando nun grupo de innovación, liderado pola asociación de cooperativas galegas, no que participan tamén Calfersa Proxectos, o grupo naturalista Hábitat e o centro de investigacións agrarias de Mabegondo. Un dos puntos no que traballamos é o tratamento de xeito natural das augas grises das explotacións agrarias a través de filtros verdes, de lagoas, que ademais crean unha biodiversidade. Tamén estamos co tema das divisións, para que os balados sexan mixtos e poidan aportar flores e froitos e fomentar a biodiversidade, que sexan illas onde se poida refuxiar a fauna. Neste proxecto tamén axudamos a que a fauna se quede aquí, a través de caixas niño, refuxios de morcegos, ourizos, mouchos... Todo este proxecto terá unha fase de divulgación, con Agaca e as nosas visitas.

Están comprometidos co rural. O proxecto "Cultiva mazás" pretende loitar contra o seu despoboamento. Que tal foi o resultado? 

J.R.: O rural é moi importante para Casa Grande de Xanceda porque é onde convivimos, onde está o proxecto. Sabemos que cada día quedan desertas en Galicia 30 aldeas, polo que quixemos facer algo para que esta realidade cambie. "Cultiva mazás, ti podes ser o Steve Jobs do rural" é o proxecto que tenta fomentar o emprendemento entre a xuventude e axudar a aqueles que están emprendendo. Trátase de buscar, encontrar e inspirar a eses Steve Jobs do rural que sabemos que hai. En 2016 comezamos a primeira edición con rapaces de 14 e 15 anos, axudándolles a ver que o emprendemento no rural é posible. É posible facelo con éxito, de maneira orixinal e con valor engadido. No 2017 estamos xa coa segunda edición, que se orienta a emprendedores do rural que acaban de iniciar o seu negocio propio. A eles diriximos formación especializada en márketing e redes sociais, un campo moi necesario para darlle valor aos proxectos.