Os Premios RSE Galicia 2016 recoñecen o traballo en responsabilidade social de doce empresas

Os Premios RSE Galicia 2016 recoñecen o traballo en responsabilidade social de doce empresas

Imprimir Email
(0 votos)
  • Os galardoados son, na categoría de grande empresa, Entrepinares, Abanca e PSA Peugeot-Citröen; na mediana empresa, M. Caeiro, o Real Club Deportivo e Pescados Rubén; e na pequena empresa, Casa Grande de Xanceda, Metal Ferrol, Revertia Reusing and Recycling, e Promove Consultoría e Formación
  • Recibiron mencións Ledisson A&IT no eido social e Trameve no ambiental
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou o acto destacando a importancia dun “verdadeiro compromiso” coa economía verde e responsable e apuntou que o Goberno galego activará proximamente a nova Estratexia Galega de RSE 2017-2020 para favorecer que os traballadores desempeñen o seu labor nas mellores condicións 

A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu onte o acto de entrega dos Premios RSE Galicia 2016. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, recoñeceu o labor de 12 empresas galegas, que son un exemplo de que a RSE é clave para a mellora da competitividade do tecido produtivo destacando a importancia de fortalecer a economía galega a través dun modelo sustentable.

Doce empresas galardoadas

Nesta edición os premiados na categoría de grande empresa foron a queixería Entrepinares no eido social polo seu emprego de calidade, a formación continua dos traballadores, a integración laboral e os programas de desenvolvemento persoal individualizado; Abanca, no eido ambiental, polo seu plan de ecoeficiencia para reducir o consumo de enerxía, auga e outros recursos naturais e por achegar aos seus empregados o coidado da natureza; e PSA Peugeot-Citröen, no ámbito da conciliación, polo seu traballo a prol da igualdade de xénero, fomentando a promoción interna en niveis onde as mulleres contan con menos representación, e pola reorganización de espazos e recursos para atender a traballadoras embarazadas.

No caso da mediana empresa, obtiveron un galardón Caeiro, nos eidos social e ambiental, xa que un 95% dos seus contratos son indefinidos e entre as súas medidas resaltan a redución do impacto ambiental e as actuacións de ecoeficiencia no consumo de enerxía; o Real Club Deportivo, no ámbito económico, polas súas accións solidarias e o seu código ético e de boas prácticas; e Pescados Rubén, no eido da conciliación, pola implantación de medidas como o uso do tempo, recursos para o coidado doutras persoas ou a importante presenza das mulleres, incluíndo os órganos de goberno.

Na categoría de pequena empresa, foron premiadas Metal Ferrol, no eido económico, por integrar os principios do goberno responsable para velar pola aplicación efectiva dos seus programas en materia de RSE; Casa Grande de Xanceda, no ámbito social, pola formación continua, a procura de igualdade de oportunidades e os programas de emprendemento para loitar contra o despoboamento do rural galego; Promove Consultoría e Formación, no eido da conciliación, xa que as súas catro socias apostan pola flexibilidade e polo teletraballo; e Revertia, no ámbito ambiental, polo seu compromiso co medio e a súa aposta pola economía circular doando os seus ordenadores e outros compoñentes informáticos a entidades do terceiro sector.

Ledisson A&IT recibiu unha mención no ámbito social pola súa aposta polo talento, o emprego de calidade e a formación dos seus traballadores; e Trameve, no eido ambiental, pola súa promoción dun consumo responsable apostando pola reutilización das pezas válidas.

A nova folla de ruta da RSE en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que o principal obxectivo do Goberno galego é seguir avanzando no camiño da recuperación económica con políticas socialmente responsables, apelando á importancia de que Xunta e interlocutores sociais identifiquen espazos de encontro no marco do diálogo social e asegurando que a competitividade das empresas medrará se existe “un verdadeiro compromiso” coa economía verde e responsable.

O titular de Economía apuntou que o reto da Xunta se centra en axudar ás pequenas e medianas empresas a implantar unha xestión baseada en comportamentos responsables co obxectivo de que o tecido produtivo de Galicia sexa máis competitivo e máis comprometido co entorno e para favorecer que os traballadores desempeñen o seu labor nas mellores condicións.

Finalmente, Conde recordou que proximamente se aprobará a Estratexia Galega de RSE 2017-2020, coa que se pretende dotar á Comunidade dunha ferramenta para afrontar con éxito os desafíos actuais en RSE garantindo a saúde e o benestar dos traballadores, unha xestión eficiente dos recursos enerxéticos e a procura dunha sociedade inclusiva que integre perfís diversos. O conselleiro tamén lembrou que a Administración autonómica vén de renovar coas grandes empresas o compromiso de situar a Galicia nun referente en responsabilidade social. Trátase do Grupo de Representación Empresarial Galego en RSE, formando por 13 empresas, que levan, coa colaboración da Xunta, as súas experiencias ás pequenas e medianas empresas.