"Apostar pola felicidade impacta nos resultados das empresas"

"Apostar pola felicidade impacta nos resultados das empresas"

Imprimir Email
(0 votos)

Santiago Vázquez leva máis de 25 anos traballando na xestión de persoas. Falamos con el aproveitando a súa presenza no VIII Congreso Internacional de Felicidade no Traballo celebrado na Coruña. 

Despois de case 20 anos en R-Cable como xestor de persoas afronta unha nova etapa no Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrey. Como valora este cambio?

Realmente afronto o cambio con moitísima ilusión. É un cambio de país e de sector. O feito de pasarme ao sector educativo achégame ao meu propósito de vida de contribuír a xerar contornas máis positivas e máis humanas. O Tecnolóxico de Monterrey é unha entidade moi singular porque é privada pero sen ánimo de lucro, e moi ligada ao desenvolvemento de líderes con valores e sentido humano e unha visión global. 

O Instituto é unha iniciativa que acaba de nacer. Como xurdiu a idea de que vostede o encabezase?

En outubro de 2016 o Tecnolóxico de Monterrey convidoume a participar no Foro das Ciencias da Felicidade, onde coñecín ao presidente. Debido á baixa calidade de liderado a nivel global, decidiran crear o Instituto para fomentar a diversidade e a inclusión fronte a outros liderados que falan de muros, de fronteiras e de nacionalismos. Estamos nun mundo globalizado onde as distancias se acurtan. Todos estamos no mesmo barco: o noso planeta que debemos coidar. 

Liderado e felicidade. Así se titula a súa charla no VIII Congreso Internacional de Felicidade no Traballo. Cales son as claves desta relación?

Un dos aspectos que hai que remarcar é que, fronte ao liderado mesiánico do século XX, o liderado da nova era é colectivo, compartido, discreto, inclusivo e diverso. Falo sempre do intraliderado para pasar ao interliderado porque creo que é fundamental saber liderarse a un mesmo para despois desenvolver a intelixencia social que pase por xestionar un equipo como unha "batuta invisible". 

En que se basea un liderado positivo?

Trátase de orientarse ás fortalezas individuais e dos equipos como estratexia fundamental. Ademais, destacaría que unha persoa é líder cando crea líderes, cando fai crecer, cando é humilde, responsable, inspirador... En definitiva, un líder transforma xerando valor.

Como se incrementan os niveis de felicidade no traballo?

Hai moitos factores que inflúen. A empresa non pode ser responsable da felicidade dos seus traballadores, porque é unha responsabilidade individual, pero si pode contribuír a través de determinadas cuestións. Por exemplo, o feito de que haxa un equilibrio entre a vida persoal e profesional, que existan mecanismos para medir o clima laboral, enquisas para medir o liderado, formación, coaching... 

Fálase moito do salario emocional, que vai máis aló do económico. Considera que é unha tendencia que chega para quedar?

De acordo coa pirámide de Maslow, temos unha serie de necesidades que están xerarquizadas. Necesitamos o mínimo para poder pagar as facturas e sosternos a nós mesmos e ás nosas familias. Pero unha vez isto está cuberto, xa non é suficiente. Aí entramos no salario emocional. É dicir, o soldo é moi importante para non ter preocupacións económicas. Con todo, unha vez que temos un soldo suficiente, se o multiplicamos non se produce un incremento proporcional do noso benestar. Entón, pasa a ter protagonismo a filiación. A continuación, viría o recoñecemento. O último nivel sería a autorrealización: traballar en algo que contribúe a cuestións que teñen significado para a túa vida. Isto é precisamente o que me levou a tomar a decisión do cambio na miña carreira profesional.

Ten unha ampla experiencia como director de persoas. Cre que as empresas galegas en xeral teñen en conta a RSE interna?

Creo que as empresas si están a tomar o camiño da responsabilidade social. Algúns farano porque non queda máis remedio en canto a clientes e mercado, pois a RSE pode axudar a conseguir os obxectivos económicos. Ademais, é neste momento de cambio de era onde os elementos intanxibles pasan a ter un protagonismo crítico. A sociedade cada vez é máis esixente e obriga a que todos, non só as empresas, sexamos máis responsables e máis conscientes.

Como conclusión, que vantaxes ten para unha empresa contar con traballadores felices?

Apostar pola felicidade impacta nos resultados das empresas. Nestes momentos destaca o impacto por atraer talento. As persoas infórmanse e os mellores talentos teñen a capacidade de elixir, de tal maneira que contribuíndo á felicidade na empresa podes ser mellor empregador. Outros beneficios son a redución do nivel de absentismo. Diminúese tamén a rotación non desexada, pois cando unha persoa considera que a súa empresa é un bo lugar para traballar, posiblemente teña menos ganas de abandonar a compañía. Por tanto, aumenta o sentido de pertenza e actúan como prescritores da compañía.