Galicia lidera o proxecto Gemcat para a xeración de emprego de calidade transfronteirizo

Galicia lidera o proxecto Gemcat para a xeración de emprego de calidade transfronteirizo

Imprimir Email
(0 votos)
  • Con máis de 1.376.000 euros fomentará o traballo na fronteira luso-española.
  • Na iniciativa participan, ademais de Galicia, as comunidades de Castela e León e Estremadura en España e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, a Cámara Municipal de Braga e a Universidade do Porto, en Portugal.

A Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia impulsa e lidera o proxecto GEMCAT (Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo) co obxectivo de crear un emprego de calidade na eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. 

Enmarcada no programa de cooperación transfronteirizo Poctep, nesta iniciativa conxunta tamén participan as comunidades autónomas de Castela e León e Estremadura así como a Universidade de Oporto, CIM Alto Minho e a Cámara Municipal de Braga. 

Tras a experiencia da creación da Rede Transrexional de Impulso da RSE, a Xunta de Galicia aposta agora por Gemcat, co que se pretende, a través da cooperación transfronteiriza, mellorar a eficiencia das políticas públicas na creación e mantemento do emprego de calidade. Ao mesmo tempo, o proxecto construirá un marco de cooperación institucional para achegar resultados concretos e melloras tanxibles no mercado laboral a través do traballo conxunto e intercambio de experiencias entre as diversas rexións

Eixos fundamentais

O proxecto Gemcat susténtase en catro eixos fundamentais. O primeiro xira ao redor do diálogo social, a través da construción de grupos de traballo a prol do emprego de calidade e de mesas de diálogo en sectores estratéxicos como a automoción ou industria 4.0 así como da organización dun foro anual de Diálogo Social Transfronteirizo co fin de compartir experiencias entre todos os socios. 

Un segundo eixo establece o compromiso social por un emprego de calidade e sustentable. Este centrarase na promoción e inclusión de RSE nas pemes e na creación de catro RSE-Innolabs, que permitan aportar solucións concretas aos desafíos da responsabilidade social empresarial.

O terceiro eixo céntrase no crecemento demográfico, a conciliación responsable e a igualdade de oportunidades. Neste sentido, crearase un comité plurirrexional para analizar a evolución demográfica, deseñaranse políticas públicas que melloren a conciliación e prevese convocar premios que recoñezan as empresas cunha traxectoria destacada na implantación de políticas de conciliación e igualdade.

Finalmente, o cuarto eixo céntrase na transferencia de coñecemento a través da participación dos axentes sociais transfronteirizos nos procesos de diálogo social europeo.