"Se a empresa aposta por integrar no seu cadro de persoal a persoas con discapacidade está enriquecendo a súa política de RSE" 

Imprimir Email
(0 votos)

A integración das persoas con discapacidade é unha cuestión prioritaria no eido da responsabilidade social para as empresas. Para conseguir este obxectivo traballa Cegasal (Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro) desde a súa constitución en 1997. Actualmente, as súas empresas dan traballo a máis de 750 persoas con discapacidade en máis de 14 sectores produtivos de Galicia.

Falamos con María Jesús Pérez Piñeiro, axente de emprego da entidade, sobre o encontro empresarial que terá lugar o vindeiro martes 11 de outubro en Vigo e no que colabora a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

"Multiplica resultados aproveitando fortalezas” é o nome da xornada que organizan. A pregunta é obrigada: que aportan as persoas con discapacidade á empresa?

Como calquera outro profesional, as persoas con discapacidade aportan competencias (coñecementos, habilidades e actitudes) respecto dunha serie de tarefas asignadas, que contribúen á maior produtividade nas empresas achegando destrezas, experiencias e capacidades. Pero ademais, se a empresa aposta por integrar no seu cadro de persoal a este colectivo, está enriquecendo a súa política de responsabilidade social empresarial, comprometéndose na adopción de estratexias de xestión da diversidade, e a xerar un mercado de traballo inclusivo e rompendo os obstáculos que aínda perduran respecto das mesmas.

Na xornada poderanse degustar diferentes produtos elaborados polo persoal de centros de emprego asociados pero, por suposto, será unha oportunidade para falar das distintas formas de colaboración que ofrecen. Pode avanzarnos algunhas delas?

Os centros especiais de emprego naceron para cubrir unha necesidade: os permanentes  altos niveis de desemprego e inactividade entre as persoas con discapacidade en idade laboral.

É preciso traballar conxuntamente, a nivel de sensibilización e concienciación ao empresariado, poñendo en valor as capacidades do colectivo, romper estereotipos e facilitar a abordaxe de xeito integral da accesibilidade e a adaptación dos postos de traballo ás características das persoas. Cómpre facilitar sistemas de readaptación profesional que non exclúan ás persoas cunha discapacidade sobrevida, abrir posibilidades de inserción a través de prácticas profesionais con compromiso de contratación e abordar cambios de estratexias para normalizar a incorporación das persoas nos sistemas productivos. 

Está o empresariado galego concienciado na inserción laboral do colectivo?

Cada día un pouco máis, pero aínda queda por facer. Se atendemos ás empresas de 50 ou máis traballadores e traballadoras, o cumprimento da cota de reserva legal do 2% prevista desde hai xa máis de 30 anos é escaso. As empresas non obrigadas, a maioría das existentes en Galicia, descoñecen as potencialidades das persoas con discapacidade,  seguen a existir  barreiras sociais na incorporación da diversidade nas empresas, e máis daquelas persoas con discapacidade que presentan maiores necesidades de comunicación, de mobilidade ou comprensión.

A isto hai que sumarlle outros factores excluíntes: a ruralidade e o xénero, que pon de manifesto o menor nivel de emprego entre as mulleres con discapacidade.

A integración de persoas con discapacidade máis aló do que establece a lei é, como dicía, aplicar a responsabilidade social. Que se fai desde Cegasal para que as empresas traballen neste vertente da RSE?

Traballamos co empresariado galego integrándonos nos órganos de dirección das principais organizacións empresariais, facilitamos formación, accións de visibilización e concienciación, e xeramos oportunidades de relacións comerciais entre as empresas e os centros especiais de emprego, que xeran a adopción de medidas de responsabilidade social empresarial.

Como entidade representativa dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, ofrecemos información e asesoramento, así como a posta en marcha de proxectos de promoción do emprego e colaboración das políticas activas de emprego en materia de discapacidade. Participamos en foros, eventos e grupos de traballo, e elaboramos material de difusión. A través destas medidas potenciamos a implantación da RSE.

Participou na xornada "Unha mirada á RSE en Galicia" de Santiago, onde RSE Xunta de Galicia presentou o programa gratuíto Responsabilízate. Que opina do mesmo? 

É unha ferramenta que permite ás empresas un apoio profesional para implantar a RSE na súa estrutura partindo dunha diagnose previa e posterior formulación adecuada á súa realidade.

É un programa que permite as empresas galegas de menor tamaño achegarse a esta materia, coñecer as oportunidades que brinda a RSE para ser máis competitivos, máis inclusivos, ademais de fortalecer a imaxe, reducir os problemas sociais máis graves a través do cambio, etc. 

Participará algún dos seus centros asociados?

Claro, apostan pola implantación da RSE a nivel integral, pois non deixan de ser empresas. Xa enviaron a solicitude ao dito programa Dixardín (dedicada á xestión integral de zonas verdes, deseño de xardíns, e paisaxismo), Artegalia (dedicada á comercialización de embalaxes, bolsas e produtos auxiliares) e GES (que se dedica á xestión dos centros especiais de emprego de Cogami).