Econoia II, suma e segue na limpeza da ría

A Confraría de Pescadores “San Bartolomé” de Noia está levando a cabo a segunda fase do seu proxecto medioambiental “Econoia” ao abeiro do Plan Mar Limpo da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. Este programa consiste na realización da limpeza da contorna dos bancos marisqueiros da ría de Muros-Noia durante os anos 2021 e 2022.

No proxecto participan 221persoas mariscadoras da Agrupación de a pé "A Misela" da Confraría de Pescadores de Noia e tamén colaboran os concellos de Noia e Outes e as Asociacións Mar de Fábula, Mar de Noia e S.C.R. Liceo de Noia.

Durante a primeira fase realizáronse un total de nove limpezas, nas que se retiraron 52 toneladas de residuos. A segunda fase, comezou o pasado mes de agosto de 2021, coa exposición artística “Arte da Mar”, consistente en pezas feitas con residuos retirados durante estas recollidas e pezas de cultura mariñeira atopadas nas praias. Esta mostra incluía tamén charlas formativas acerca do dano que fan as redes pantasma e o lixo mariño, sempre co obxectivo final de sensibilizar e concienciar a toda a poboación.

Impacto

A principal consecuencia positiva é a redución do impacto ambiental, xa que na primeira fase se retiraron do litoral da ría de Muros-Noia toda clase de residuos, como plásticos, gomas, cabichas ou madeira. Ademais, fíxose un importante labor de divulgación a través de cobertura dixital nas redes sociais e nos medios de comunicación escritos e audiovisuais.

Esta acción beneficia de forma directa ás 1.500 persoas que faenan nos barcos marisqueiros de Noia e, de forma indirecta, a toda a poboación que goza da ría para actividades de lecer e turismo. No futuro, a nivel galego, o impacto será maior a medida que se vaian incorporando máis confrarías de pescadores.