Imprimir esta página
A Xunta de Galicia continúa a impulsar a transformación sostible das empresas cunha nova versión da plataforma gratuíta Xunta ProRSE

A Xunta de Galicia continúa a impulsar a transformación sostible das empresas cunha nova versión da plataforma gratuíta Xunta ProRSE

30 Xaneiro 2023 |

(1 Votar)

A Consellería de Emprego e Igualdade continúa a impulsar a transformación sostible das empresas mediante a actualización dos  contidos da plataforma Xunta ProRSE, a ferramenta gratuíta que permite a autoavaliación da situación das empresas en materia de RSE e sostibilidade, así como a preparación guiada dos reportes nestas materias segundo os estándares máis usados e recoñecidos a nivel nacional e internacional.

Esta actualización, que estará dispoñible na plataforma on line ao longo do mes de febreiro, forma parte do compromiso da Xunta de Galicia na procura de axuda ás empresas galegas  nos seus procesos de transformación sostible e dixital, sendo pioneira e liderando o panorama nacional de iniciativas de vangarda en apoio ás empresas no eido da RSE e a sostibilidade.

As empresas poden utilizar Xunta ProRSE a través dunha plataforma na nube, de acceso universal e completamente gratuíto, no que se pode avaliar o estado da organización e reportar as iniciativas e os indicadores das actuacións en materia de RSE e sostibilidade. Permite a preparación guiada do  Informe de Estado de Información Non Financeira (EINF) completamente adaptado á normativa vixente, ademais de ofrecer outros modelos de posta en valor do desempeño sostible das empresas, como o Informe de contribución aos ODS, o Informe GRI e o Informe Xunta de Galicia.

O actual proceso de posta a punto incluíu a actualización do motor de xestión de todos estes reportes, o que permite ofrecer maior versatilidade e prestacións para os usuarios. Estas melloras estarán dispoñibles na primeira quincena de febreiro, ao igual que o novo modelo de Informe de Estado de Información Non Financeira (EINF), o que significa a completa revisión  dos correspondentes contidos.

Así mesmo, antes de rematar o mes de febreiro estará dispoñible a actualización do modelo de reporte GRI, logo de que Global Reporting Initiative puxera en vigor o pasado 1 de xaneiro a nova versión, que incorpora novidades como a ampliación de temas relacionados cos dereitos humanos e as cuestións de debida dilixencia, entre outros aspectos.

Acceso á plataforma

A ferramenta Xunta ProRSE segue a estar dispoñible nesta ligazón.

Deseñada e desenvolvida por Sicasoft Solutions, Xunta ProRSE permite ás empresas  identificar en todo momento os seus puntos fortes e débiles e as áreas de mellora, así como o  estado e o nivel de cumprimento das súas actuacións, de acordo aos seus obxectivos responsables.