Os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2022 son “expansivos en emprego e expansivos en igualdade”, tal e como subliñou a Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, nunha visita que realizou ao Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). Deste xeito, as contas para o vindeiro ano suporán unha suba sen precedentes, de máis do 50% en formación para o emprego.
A suba do departamento de Emprego e Igualdade será do 9,2%, por riba da media do goberno galego, o que “implica que se priorizan as políticas de emprego dirixidas aos colectivos con maior dificultade para a inserción laboral como mozos e mozas, parados de longa duración, mulleres…”. Así mesmo, Lorenzana destacou que a Xunta está a apostar como nunca pola formación, “porque cremos que é a clave para mellorar as cifras de emprego e empregabilidade”.
Axenda Galega das Capacidades para o Emprego
Por outro lado, Lorenzana lembrou que o seu departamento está a poñer en marcha a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego, coa que se busca mellorar a cualificación profesional da cidadanía, así como a súa empregabilidade e promoción profesional, ao mesmo tempo que se impulsa a competitividade e maior benestar das empresas.
A presentación desta Axenda será o 9 de novembro na Coruña, co obxectivo de unir esforzos públicos e privados na mellora da capacitación da poboación fronte os retos presentes e futuros do mercado laboral e facer do galego un tecido empresarial rendible, ao mesmo tempo que sustentable e xusto.