A activación dun 4º Plan de Rescate vén de ser anunciada en rolda de prensa polo responsable do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Este apoio recollerá as últimas modificacións introducidas polo goberno central co obxectivo de que os cartos cheguen a quen máis o precisa.
Nesta cuarta convocatoria mobilizaranse 134 millóns de euros sobrantes do plan anterior. Sobre isto, Feijóo indicou que “se nos fondos da Xunta de Galicia tivemos 80.000 solicitudes, neste fondo soamente levamos 5.912”. Esta situación vén derivada dos problemas burocráticos polos requisitos impostos polo goberno no reparto das axudas do 3º Plan de Rescate, que impediron que esa cantidade fose distribuida.
En referencia a este 4º plan, o presidente da Xunta de Galicia indicou que incluirá as modificacións efectuadas polo goberno central, polo que se ampliará ata o 30 de setembro o período para imputar as débedas financiables con estas axudas e establecerá que os fondos se poidan destinar a compensar as perdas contables.
Ata o momento, a administración galega leva mobilizados preto de 607 millóns de euros en axudas directas ás empresas de sectores moi afectados pola pandemia da COVID-19, como o turismo, a hostalería, o comercio ou o sector primario.
Toda a información deste novo apoio será anunciada proximamente no Diario Oficial de Galicia e na nosa sección de axudas.