Discamino é una iniciativa que ten o obxectivo de que calquera persoa con discapacidade poida gozar da experiencia do Camiño de Santiago. Mediante a integración, este proxecto busca que o reto da peregrinación a Compostela sexa unha realidade para todo o mundo, non só a través da ruta, senón coa preparación física e mental que supón. En Galicia, o grupo sanitario Povisa presta o seu apoio coa adquisición de vehículos e a doazón de ingresos xerados na súa canle de Youtube, tal e como xa che contamos no noso Banco de ideas responsables.
Por iso, hoxe falamos con eles, para que nos conten con máis detalle por que decidiron incluír a súa participación en Discamino no seu proxecto de responsabilidade social corporativa.
De onde xorde a iniciativa?
Xorde do coñecemento das actividades de Discamino, polo que dende Povisa se sentía unha enorme admiración. Ademais, coa chegada do Grupo Ribera vaise potenciar aínda máis esta colaboración. O grupo puido coñecer de preto o proxecto e considera un privilexio enmarcalo no plan de responsabilidade social corporativa da compañía.
Como se implica o centro médico neste proxecto?
Durante todos estes anos apoiámolos en todo o que nos pediron, aínda que fundamentalmente, trátase da adquisición dos tándems, as bicicletas adaptadas para a súa actividade. Ademais, dende o pasado mes de outubro, a raíz do enorme éxito que tiveron os vídeos de rehabilitación na nosa canle de Youtube, con centos de miles de visualizacións, tomouse a decisión de monetizar as visitas para destinar esas aportacións mensuais ao proxecto liderado por Javier Pitillas. Agora tamén estamos a ver novas formas de apoio, como a participación más activa por parte de voluntarios do Grupo Ribera, incluíndo especialistas, como fisioterapeutas ou traumatólogos, que lles poidan servir de apoio nos seus camiños. Do mesmo xeito, tamén ofrecemos charlas e talleres de promoción da saúde, tanto para a asociación como para as familias.
Como evolucionou este proxecto dende o comezo?
Fixémolo medrar en actividade, compromiso e repercusión mediática, aínda que isto último é quizais o menos importante. O relevante é o traballo silencioso que realizan cada día e que leva a felicidade a persoas con discapacidade e ás súas familias.
Que aspectos desexaban potenciar co desenvolvemento deste programa?
Interesábanos potenciar o apoio do hospital ao mundo da discapacidade e os grandes dependentes e así centrar a responsabilidade social corporativa en aspectos específicos da actividade sanitaria.
Que lles aporta o programa?
Pois moita satisfacción. Desde o punto de vista da comunicación, o equipo de Discamino colaborou con nós nalgunha campaña. E os rapaces quedaron moi contentos coa experiencia, tamén polo feito de verse en anuncios, valos...
Que resultados positivos se están a observar?
Comprácenos enormemente que a marca Povisa leve asociada tantos anos a Discamino.
Canta xente do grupo Povisa está implicada neste momento?
Ata o de agora, só a parte do equipo que pertence a xerencia e comunicación. Pero como comentabamos antes, agora que Povisa pertence ao Grupo Ribera, queremos potenciar o voluntariado en todos os hospitais. E así llo trasladamos a Discamino. É unha proposta que tivo moi boa acollida e confiamos en que teña continuidade no tempo, tanto no caso dos profesionais de Ribera Povisa como dos demais hospitais.
Que continuidade ten?
Seguiremos estando aí, buscando sempre fórmulas novas para que o noso apoio non só se limite á adquisición de tándems. E continuaremos coas aportacións que facemos mensualmente a partir dos ingresos de Youtube.
Discamino é unha iniciativa única que cada vez adquire máis visibilidade, teñen pensada algunha acción concreta a desenvolver no Ano Santo 2021-2022?
Si, estamos madurando varias ideas. Algunha delas moi orixinal e sorprendente, pero polo momento preferimos anunciala cando corresponda.