Imprimir esta página
Máis de 700 profesionais reciben formación en igualdade laboral por parte da Xunta de Galicia

Máis de 700 profesionais reciben formación en igualdade laboral por parte da Xunta de Galicia

06 Abril 2021 |

(0 votos)

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe unha nova formación básica en igualdade laboral, na que, ata o 26 de abril, se abordarán cuestións fundamentais neste tema, que inciden na realidade das mulleres nas empresas.

“A desigualdade laboral é quizais a mais difícil de erradicar, porque está directamente relacionada coa maternidade e as responsabilidades familiares como consecuencia directa”, indicou na súa intervención, que iniciou un curso onde un total de 722 persoas serán preparadas en materias como a negociación dos plans de igualdade ou o acoso no mundo do traballo. O perfil do alumnado é maioritariamente xestores, axentes sociais e graduados sociais.

Convencida de que a formación en igualdade laboral ten un importante papel a nivel transversal, Mancha subliñou que “os poderes públicos estamos obrigados a tomar decisións e educar á sociedade para adoptar comportamentos que promovan o fin das desigualdades entre mulleres e homes”.

Compromiso co emprego de calidade

Cun total de oito horas de duración, divididas en tres módulos dispoñibles a través dunha plataforma de teleformación, este curso é unha das iniciativas coas que a Consellería de Emprego e Igualdade demostra o seu compromiso coa diversidade e a non discriminación, para a impulsar un tecido empresarial máis responsable e un emprego de calidade.

No módulo de hoxe, afondouse no estudo da negociación dos plans de igualdade, unha das ferramentas clave para alcanzar unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

En sucesivas sesións tratarase o acoso por razón de sexo, para que as empresas estean preparadas e conten cun procedemento que detecte e elimine este tipo de situacións. A fenda salarial de xénero tamén terá cabida nesta formación, posto que, tal e como asegurou a directora xeral, “a desigualdade retributiva entre mulleres e homes é unha realidade que non pode seguir manténdose por máis tempo”, xa que esta fenda afecta no futuro ás contía das pensións en función do sexo.