- O grupo téxtil, Google e Amazon son as tres mellores empresas para traballar
- O 60% dos universitarios españois valoran factores como unha boa retribución e calidade de vida
Merco e PeopleMatters presentaron os resultados do primeiro monitor Merco Talento Universitario en España, que recolle a listaxe das 100 empresas máis desexadas para traballar polos estudantes. O estudo tamén revela que os universitarios españois aspiran a un salario de máis de 1.200 euros netos ao mes ao incorporarse ao mercado laboral.
Os universitarios prefiren traballar en compañías grandes fronte ás pequenas e preferiblemente en multinacionais estranxeiras. Encabezan a lista Google, Inditex e Amazon. Tamén se atopan entre as dez primeiras Apple, Mercedes Benz, Santander, Microsoft e Mercadona. Pódese consultar a listaxe completa nesta ligazón.
O grupo téxtil galego, con sede en Arteixo, lidera o ranking Merco Talento 2017, sendo a empresa con maior capacidade para atraer e reter talento en España, así como a listaxe Merco Empresas 2017, conseguindo ser durante os últimos anos a empresa con mellor reputación.
Preferencias dos universitarios
O estudo destaca que á hora de elixir unha empresa na que traballar, o 60% dos universitarios valoran factores como unha boa retribución e beneficios, así como unha boa calidade de vida con medidas como a flexibilidade ou o teletraballo. Ademais, un 39% valora compañías que ofrezan formación e desenvolvemento profesional, que aposten polo recoñecemento e ofrezan retos profesionais.
Do informe tamén se desprende que as principais canles de información que usan na busca de traballo son os portais de emprego e webs corporativas (23% dos casos), as redes sociais (19%) ou as redes de comunicación profesionais (10%).
Edición 2017
Para a elaboración deste primeiro monitor Merco Talento Universitario en España que recolle as 100 empresas máis atractivas para os universitarios contaron cunha mostra de 9.000 persoas enquisadas.
Na presentación do estudo estiveron presentes representantes dalgunhas das empresas. Luisa Izquierdo, directora de Recursos Humanos de Microsoft, explicou que tratan de "crear un contorno de traballo onde a xente, ademais de traballar, poida gozar". "A xente non quere traballar menos e cobrar máis, senón ter a sensación de que controla a súa vida e pode manexar os seus tempos", engadiu a experta.