O camiño para implantar a sostibilidade empresarial

imprimir

Cando falamos de sostibilidade social empresarial debemos falar tamén de transversalidade e non de accións inconexas, polo que é importante deseñar un sistema de xestión. Isto require a identificación daqueles aspectos clave nos que a empresa se debe centrar para evitar ou solucionar os potenciais conflitos cos diversos grupos de interese e para lograr de xeito simultáneo a consecución de obxectivos económicos, ambientais e sociais.

De cara a controlar o progreso no cumprimento destes obxectivos, será preciso establecer un sistema de indicadores, podéndose para iso seguir o modelo proposto pola Global Reporting Initiative, que establece unhas pautas xerais para medir e comunicar a sostibilidade empresarial. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon ao dispor das empresas a ferramenta Xunta PRO-RSE para facilitar a implantación da sostibilidade empresarial e elaborar as súas memorias de sustentabilidade.

Ademais, o Goberno galego puxo en marcha o programa Responsabilízate, que ten por obxectivo asesorar as pequenas e medianas empresas galegas en materia de sostibilidade así como acompañalas na realización dun plan de acción en sostibilidade e na posta en marcha das primeiras accións. Tamén convoca anualmente axudas para apoiar a obtención de certificacións en sostibilidade e para favorecer a conciliación, o teletraballo e a igualdade.

Cómpre lembrar que á hora de levar a cabo a sostibilidade social empresarial é importante contar cos traballadores e traballadoras así como os seus representantes sindicais. Estes deben manter un diálogo constante coa dirección e o persoal xestor da empresa, participar de xeito activo no deseño e implantación do sistema de xestión da sostibilidade empresarial e recibir información clara, oportuna e veraz sobre os seus resultados.