Galicia aposta polo emprego de calidade transfronteirizo co proxecto GEMCAT

Galicia aposta polo emprego de calidade transfronteirizo co proxecto GEMCAT

Imprimir Email
(0 votos)

Hoxe terá lugar en Valença do Minho (Portugal) o acto de presentación do Proxecto de  Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo (GEMCAT) impulsado pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia. Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego, inaugurará o acto, que tamén contará cos representantes na materia da Junta de Castilla y León, Junta de Extremadura, Concello de Braga, Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e a Universidade do Porto, as outras entidades que forman parte deste proxecto europeo.

Nesta sesión de presentación, María Coutinho, subdirectora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, será a encargada de explicar o proxecto GEMCAT e os obxectivos que as institucións públicas perseguen en termos de emprego de calidade, compromiso e diálogo social, así como conciliación e oportunidades.

O programa complétase cunha conferencia sobre medidas de conciliación a cargo de Roberto Martínez, director da Fundación Más Familia, e unha mesa redonda para expoñer boas prácticas na área da responsabilidade social empresarial (RSE), coa participación da galega M.Caeiro, recentemente recoñecida con dous galardóns nos Premios RSE Galicia, e Primavera Business Software Solutions, unha empresa portuguesa que destaca polo seu apoio a causas sociais. 

Sobre GEMCAT

En coherencia co eixe 4 do Programa de Cooperación Territorial Transfronteiriza para España e Portugal 2014-2020, o Proxecto de Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo (GEMCAT) ten como un dos seus principais desafíos lograr un mercado de traballo en harmonía cun crecemento intelixente, sustentable e integrador, que poña o acento na creación de emprego e a redución da pobreza. 

O proxecto ten como obxectivo principal mellorar a eficiencia das políticas públicas para a creación e o mantemento de emprego de calidade, a través da cooperación entre a cidadanía e as institucións. No marco da iniciativa, estableceranse grupos de traballo e realizaranse distintas actividades ao redor do diálogo social, a RSE e a conciliación.

O ámbito de actuación do GEMCAT é Galicia, as provincias de León, Zamora, Valladolid, Salamanca e Ávila en Castela e León, Estremadura e Minho-Lima, Cávade e Grande Porto na Rexión Norte de Portugal. 

O tríptico informativo do GEMCAT pode consultarse aquí.