Valencia será o epicentro do debate sobre a responsabilidade social a finais do mes de setembro coa celebración do IV RSEncuentro, un foro sobre RSE que reunirá a administracións públicas, empresas e entidades sociais de toda España para dialogar e establecer vínculos reais.
Tralas súas tres edicións anteriores, realizadas en Vila-Real, Madrid e Santiago de Compostela, o RSEncuentro chega a Valencia para abrir o debate sobre os "Territorios socialmente responsables", coincidindo co ano en que Valencia é Capital Mundial da Alimentación Sostible por Nacións Unidas e unha das capitais españolas punteiras en sustentabilidade urbana.
O encontro, que congregará os días 28 e 29 de setembro a un total de 35 persoas expertas en responsabilidade social, está organizado pola consultora CIMAS e patrocinado pola Consellería de Transparencia, Responsabilidade Social e Cooperación e a Axencia Valenciana de Turismo, así como outras entidades privadas.
Unha programación diversa
Na primeira xornada, o xoves 28 de setembro, territorios como Galicia ou Extremadura e cidades como Vitoria, Madrid ou Valencia explicarán que medidas están implementando para facer reais as metas marcadas por Nacións Unidas a través dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). A Xunta de Galicia estará presente na mesa "Ágora RSE. Diálogo participativo: o impulso da RSE desde a administración e a participación pública".
Durante a xornada do venres 29, terán lugar cinco talleres simultáneos que xerarán respostas aos retos que formulan ámbitos como o turismo sostible, as organizacións saudables, a diversidade intelectual, o papel dos medios de comunicación na difusión da RSE ou a innovación social.
Finalmente, no espazo "A RSE en vivo", os asistentes poderán coñecer e elixir gañadora unha das seis iniciativas finalistas que fan real a responsabilidade social. Trátase de proxectos que abranguen desde a cultura vertebradora do territorio, a reciclaxe ata a sustentabilidade do sector téxtil.
O programa completo pódese consultar nesta ligazón e as entradas están dispoñibles na web do RSEncuentro.