Merco publica o seu ránking de Responsabilidade e Goberno Corporativo 2016

Merco publica o seu ránking de Responsabilidade e Goberno Corporativo 2016

Imprimir Email
(0 votos)

O ránking sobre responsabilidade e goberno corporativo elaborado polo Monitor Empresarial de Reputación Corporativa (Merco) correspondente a 2016 para España sitúa á cabeza da clasificación a Once e a súa Fundación, Mercadona, Caixabank, Inditex e Mapfre.

O estudo afonda en distintas variables como as medidas que as empresas ofrecen ao persoal para promover o talento e conciliar, o compromiso ecolóxico e social, a transparencia ou o respecto dos dereitos do consumidor. O listado non mide imaxe, senón reputación e responsabilidade social. "Así como a imaxe é un concepto flutuante, a reputación é moi estable", asegura José María San Segundo, conselleiro delegado de Merco. Neste sentido, unha das conclusións que se extraen ao consultar o ránking é o mantemento das grandes compañías españolas en postos similares a anos anteriores. O listado completo pode consultarse nesta ligazón.

Empresas galegas no ránking

Entre as cen empresas do ránking atópanse dúas compañías galegas dedicadas ao sector téxtil. A firma de moda pontevedresa Bimba&Lola, que ocupa a posición 91, entra por primeira vez na lista de Merco. 

Pola súa parte, Inditex mantense nas primeiras cinco posicións, aínda que baixa do terceiro ata o cuarto posto. A compañía con sede en Arteixo (A Coruña) é unha das grandes empresas galegas que forman parte do Grupo de Representación Empresarial Galego en materia de RSE, posto en marcha en 2012 pola Consellería de Economía, Emprego e Industria co fin de promover a responsabilidade social no tecido socioeconómico da comunidade. Á marxe deste ránking, o grupo téxtil galego é a única empresa española que aparece no exclusivo club das cen empresas con mellor reputación do mundo. Así, sitúase no posto 92 do informe RepTrak, elaborado polo Reputation Institute e que cuantifica a percepción de sete dimensións esenciais no desempeño corporativo das empresas analizadas: produtos e servizos, innovación, liderado, entorno de traballo, cidadanía, integridade e resultados financeiros.